Bélxica bate récord de contaxios pola variante ómicron
O país rexistrou 27.000 casos nun día
A variante ómicron esténdese por Europa. Nas últimas horas houbo récord de contaxios en Alemaña, en Francia, en Italia e tamén en Bélxica, onde apuntan que ata dentro de dúas semanas non chegarán ao pico desta nova vaga.
Máis de 27.000 contaxios nun só día, para unha poboación total de 11 millóns de persoas. A cifra de novos casos en Bélxica é a máis alta durante toda a pandemia.
O virus da covid golpea con tanta forza o país que os contaxios están disparados. Na última semana, de media, aumentaron máis dun 80 %. A boa nova é que as hospitalizacións crecen a un ritmo moito menor e que a situación nas UCI é estable.
Aínda así, no día de Reis, o Goberno deulle unha pausa ás restricións e a volta á escola o 10 de xaneiro será totalmente presencial. E coa máscara obrigatoria para tódolos cativos e cativas maiores de 6 anos.
As autoridades belgas por agora non estudan a obrigatoriedade da vacinación contra a covid, como acaba de anunciar Italia para os maiores de 50 anos.