Beltrán, o futbolista máis novo en disputar 195 partidos co Celta en Primeira
É o terceiro futbolista con máis partidos disputados co Celta na máxima categoría no século XXI, só superado por Iago Aspas (340) e Hugo Mallo (309)

O centrocampista Fran Beltrán segue facendo historia no Celta tras converterse no xogador máis novo en alcanzar os 195 partidos en Primeira División coa camiseta celeste, con 25 anos e 3 meses.
O madrileño, fichado do Raio Vallecano no verán de 2018 como unha aposta persoal do entón director deportivo Felipe Miñambres, é o terceiro futbolista con máis partidos disputados co Celta na máxima categoría no século XXI, só superado por Iago Aspas (340) e Hugo Mallo (309).
A pesar da súa mocidade –fixo 25 anos o pasado mes de febreiro-, Fran Beltrán xa se atopa entre os nove futbolistas do Celta con máis partidos en Primeira tras igualar a Vlado Gudelj e superar ao excapitán Vicente.
O centrocampista, con 195 partidos, atópase a tan só 3 do arxentino Fernando Cáceres e a dez de Gustavo López.
Con contrato ata xuño de 2026, Beltrán ten ao seu alcance a outros futbolistas como Pepe Villar (207), Juan Fernández (220), Manolo (226) e Mostovoi (235).