Publicador de contidos

Publicador de contidos

Barbón, ante a proposta da RAG: "Ninguén nos dirá o que temos que recoller no noso Estatuto"

Barbón, ante a proposta da RAG: "Ninguén nos dirá o que temos que recoller no noso Estatuto"

G24.gal 11/01/2022 22:36

O presidente do Principado de Asturias Adrián Barbón advertiu hoxe que "ninguén" lles dirá aos asturianos o que deben recoller no proceso de reforma estatutaria aberto polo seu goberno para incluír no texto a cooficialidade do asturiano e do galego e que se negocia "de acordo ao sentir dos grupos políticos, entidades e asociacións" da rexión.

"Ninguén nos dirá, desde calquera outra comunidade autónoma, e por moito respecto que lles teñamos, o que temos que recoller no noso Estatuto", sinala  Barbón a través das redes sociais despois de que a Real Academia Galega (RAG) enviase un informe ao Goberno de Asturias e aos grupos parlamentarios en que defende a declaración da oficialidade do galego en igualdade de condicións ca o asturiano no futuro Estatuto de Autonomía do Principado.

A RAG asegura nese documento que, de acordo cos seus estatutos, "non pode calar ante o emprego do glotónimo "eo-naviego" nesa proposta de reforma estatutaria, que parece ter como finalidade facer invisible a existencia do galego na zona".

"O feito de que dentro das fronteiras políticas dun país ou dunha comunidade se fale unha variedade lingüística que é continuidade da lingua falada nunha comunidade veciña, como neste caso o galego no Principado de Asturias, é algo coñecido que se repite en Europa, posto que as fronteiras políticas non adoitan coincidir coas lingüísticas", sinala un informe da academia galega.

Ao seu xuízo, entre dúas comunidades e dúas linguas "que comparten intereses e que deberían tratar de colaborar para buscar estratexias de futuro conxuntas" deberían evitarse confrontacións "que só conducen a  desunir e a separar e que só poden ter consecuencias negativas para os falantes destas variedades e para que os seus dereitos como falantes e como persoas sexan recoñecidos e protexidos".

Así, a Real Academia Galega considera necesario que na reforma estatutaria que se aprobe en Asturias se proceda "á declaración de oficialidade das dúas linguas propias de Asturias, o galego e o asturiano", e que a súa posterior lei de uso faga o primeiro tamén oficial en todo o territorio do Principado, como ocorre en Cataluña co occitano, denominado aranés no val de Arán.

Ademais, incide en que, máis aló da cuestión do glotónimo "eo-naviego" para referirse á variante de galego falado nesa comarca, sinala que a súa función non é intervir en cuestións de tipo político, pero si lembrar que unha lingua "é un patrimonio cultural merecente de ser salvagardado e que sería máis positivo para esa salvagarda unha política de cooperación e non unha política de confrontación".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade