Farmacias do rural acceden a axudas da Xunta para garantir a súa viabilidade
O obxectivo das axudas é garantir que as boticas sigan coa actividade e o acceso a medicamentos de toda a poboación viva onde viva
29 farmacias do rural de Ourense e Lugo son as destinatarias dunha nova liña de axudas da Xunta para garantir a súa viabilidade económica. O obxectivo é que toda a poboación teña garantida unha prestación farmacéutica viva onde viva.
Elena Álvarez leva catro anos á fronte da farmacia dos Peares, sabe de memoria a medicación que toma cada unha das súas clientas. O trato é moi próximo nas boticas rurais. O problema é que entran persoas a contagotas.
A inmensa maioría da clientela é xente maior con varios tratamentos e problemas de mobilidade; para eles este servizo ao pé da casa é fundamental.
Coma esta, 17 farmacias máis de Ourense e 8 de Lugo, en localidades cunha densidade de poboación inferior a 10 habitantes por quilómetro cadrado e comprometidas economicamente, terán unha nova liña de axudas da Xunta.
O obxectivo destas medidas é garantir a prestación farmacéutica a todos os galegos, vivan onde vivan.