Aviso laranxa por ondas en toda a costa da Coruña e Pontevedra
A combinación de vento e mar de fondo aumenta o risco de ondas de máis de cinco metros
O temporal amaina e o xoves entra o anticiclón en Galicia
A combinación de mar de fondo e vento activou avisos por ondas en todo o litoral galego. O maior risco, no da provincia da Coruña, en aviso laranxa por ondas de máis de cinco metros. De momento, non chegaron a tanto.
"As ondas están dando valores duns catro metros, sen chegar aos cinco" explica Ana Celia Vázquez, redactora do Tempo. Iso indica que "a cousa vai ir tranquilizándose", pero -aclara- "aínda continuaremos en aviso laranxa en todo o litoral da provincia da Coruña polo menos ata esta madrugada".
E así as cousas, a frota quedou amarrada en portos coma o de Muxía. Na costa de Pontevedra, no Grove, contaban poder saír faenar.
Están estreando a campaña máis importante do ano, a da centola, e traballan ao abrigo da ría. "Tentarémolo", di un mariñeiro no porto. "Se non pode ser, haberá que virse e nada máis".
Nas Rías Baixas o aviso por ondas pasa de amarelo a laranxa, e manterase polo menos ata a medianoite. A provincia de Pontevedra tamén tivo activado un aviso laranxa por chuvia: esperábanse máis de 40 litros por metro cadrado en doce horas, e pola mañá xa recolleron máis de trinta en Ponteareas e Fornelos de Montes.
"Esa chuvia que está a caer na provincia de Pontevedra e de Ourense van ir remitindo", explica Ana Celia Vázquez. O aviso por chuvia activado pola Aemet desactívase ás 18 horas. A previsión é que a situación vaia mellorando, e que a partir do xoves volva o anticiclón a Galicia.