Aumentan nun 39 por cento as vivendas de nova planta visadas en Galicia
As provincias da Coruña e Pontevedra son as que rexistran máis obra no último ano
A de Ourense non visou ningunha vivenda plurifamiliar
O Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) deu a coñecer este xoves as cifras de visado de vivendas de nova planta na comunidade en 2025, en total foron 4.839 infraestruturas, máis dun milleiro nas provincias da Coruña e Pontevedra, o que supón un 39 por cento máis que no ano anterior.
Segundo explicou Luciano Alfaya, decano do COAG, o crecemento "sostido" desde a pandemia bordeou as localidades de Ourense e Santiago. A provincia ourensá non visou ningunha vivenda plurifamiliar, mentres que tan só rexistrou 135 unifamiliares, sendo esta a cifra máis baixa do últimos cinco anos. Para Alfaya a causa principal deste descenso é "a ausencia dunha planificación" estrutural na capital e a falta de investidores, pero lembrou que en Vigo se deu unha situación similar que cambiou unha vez se aprobou o plan xeral un plan.
Santiago de Compostela, destacou o decano do COAG, só visou 73 vivendas, o que contrasta co "significativo" aumento de Ames. O incremento na periferia das grandes urbes é unha "tendencia habitual" segundo Alfaya. Con todo, lugares como Arteixo e Culleredo nos arredores da Coruña, non rexistraron en 2025 variacións notables. O arquitecto da área técnica, Eduardo Alonso, precisou que estas cifras non inclúen o agregado de vivendas rehabilitadas que en "cidades con centro histórico e ensanche como Santiago e Ourense", poden ser valiosos. Ademais Alonso pediu "que se adopten medidas para que todos os tipos de vivenda pasen por un rexistro do colexio, non necesariamente un visado".
Por cidades, A Coruña e Pontevedra sitúanse á cabeza con vivenda nova
As cidades da Coruña e Pontevedra foron as que máis visados de vivenda de nova planta rexistraron con 716 e 641 respectivamente. En canto ás sete localidades galegas principais, séguenlles Vigo con 484, Lugo con 228 e Ferrol con 106. En total, en Sanxenxo foron visadas 606 vivendas de nova planta en 2025 seguida de Oleiros con 390. O Eixo Atlántico "concentra o aumento", o que responde a intereses económicos segundo o decano do COAG.
Malia que as cifras de 2025 cuadruplican as de hai dez anos, o presidente do COAG sinalou que apenas supoñen un 10% da época anterior á crise inmobiliaria do 2008. En concreto, en 2006 Galicia visou 46.810 vivendas de nova planta. Así mesmo, recorreu aos datos para explicar o cambio de tendencia respecto ás vivendas unifamiliares e plurifamiliares desde a pandemia. Mentres que as unifamiliares "creceron moito" durante a Covid-19 e logo rexistraron un "aumento máis contido", as plurifamiliares seguiron o camiño oposto. Un total de 3.374 vivendas colectivas foron visadas en Galicia en 2025, un 59 por cento máis que en 2024 e en canto ás unifamiliares, as 1.465 rexistradas, supoñen un incremento inferior ao 10%.
Alfaya, á súa vez, sinalou que o tempo medio desde que unha vivenda é visada ata que é finalizada e, polo tanto, potencialmente habilitada, é de 43 meses. Así pois, as infraestruturas visadas ao longo de 2025 rematarán a súa construción ao redor do 2028. O decano do COAG salientou ademais os problemas que ten o sector nestes momentos para atopar man de obra.
Máis vivenda protexida
Alfaya defendeu a necesidade de que se constrúa máis vivenda protexida, e neste sentido fixo referencia á sinatura do segundo pacto de vivenda efectuada este martes en Pontevedra que, entre outros aspectos, ten como obxectivo a iniciación de 10.000 vivendas de protección. A idea é lograr "un cambio de ciclo e un modelo que dea respostas ás necesidades urxentes que ten toda a poboación".