Aumentan a 745 os hospitalizados por coronavirus en Galicia
Os casos activos descenden a 16.581 e a taxa de positividade baixa ao 32,74 %
En total, faleceron 3.345 persoas en Galicia desde o inicio da pandemia

Os hospitalizados pola covid-19 volven superar os 700 no conxunto de Galicia, ao ascender a 745, o que supón 70 máis ca a xornada do sábado, dos cales 21 están na UCI. Pola súa banda, os casos activos descenden a 16.581, 1.400 menos, e a taxa de positividade baixa ao 32,74 %.
Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta en seis das sete e soamente se rebaixa na de Ferrol, na que aínda que aumentan a dúas os pacientes covid en UCI, descenden a 71 os ingresados noutras unidades. Na de Ourense aumentan a tres os pacientes con coronavirus en UCI e a 113 os ingresados noutras unidades; mentres que na de Lugo hai seis en críticos e 83 noutras unidades.
Na área da Coruña e Cee hai tres ingresados pola covid en UCI e 177 noutras unidades, mentres que na de Vigo mantéñense dúas persoas en críticos e soben a 88 os doutras unidades. Pola súa banda, na área de Santiago e Barbanza hai tres pacientes covid en UCI e 96 noutras unidades; mentres que na de Pontevedra e O Salnés mantéñense dúas en críticos e soben a 96 os doutras unidades
Baixan os casos activos
Os casos activos descenden no conxunto de Galicia ata os 16.581, ao que se engaden dous falecementos. O descenso é xeneralizado nas sete áreas sanitarias galegas, coa de Vigo á cabeza (-404), seguida da Coruña e Cee (-288), Lugo (-197), Pontevedra e O Salnés (-146), Santiago e A Barbanza e Ferrol (-143 cada unha) e Ourense (-80). Por tanto, con máis infeccións activas segue a área da Coruña e Cee, con 3.189; seguida da de Santiago e A Barbanza, con 2.887; Lugo, con 2.527; Ourense, con 2.432; Vigo, con 2.411; Pontevedra e O Salnés, con 1.849; e á cola mantense a de Ferrol, con 1.267.
Segundo o último informe actualizado polo Ministerio de Sanidade este pasado venres, 29 de abril, a incidencia acumulada a 14 días en Galicia en maiores de 60 anos ascende a 1.199,41 casos por 100.000 habitantes, mentres que a media nacional sitúase en 676,43.
En canto aos novos contaxios de covid-19, comeza esta semana con 852 novos casos abertos nas últimas 24 horas tras detectarse 2.039 desde o sábado.
Descende a taxa de positividade
Pola súa banda, a taxa de positividade descende no inicio desta semana ao 32,74 %. Mantense por encima do 5 % que marca a OMS para dar por controlada a pandemia. Os falecidos na pandemia pola covid-19 en Galicia aumentan a 3.345 despois de notificar a Consellería de Sanidade este luns outros dous falecementos de dúas persoas con patoloxías previas.
O pasado día 28 de abril morreu un home de 70 anos na área sanitaria da Coruña e Cee e o día 29 outro home de 77 anos na da Coruña e Cee.