Ferida grave unha muller tras ser atropelada en Vilamarín
O suceso ocorreu na estrada N-525, a primeira hora deste luns
O suceso ocorreu á altura do concello de Vilamarín, na estrada N-525, a primeira hora deste luns, concretamente na coñecida recta de Tamallancos.
A muller quedou ferida grave e, despois de que os sanitarios a atendesen no lugar, trasladárona ao hospital de Ourense. A vítima cruzaba a carón dun paso de peóns e, debido ao forte impacto, acabou desprazada varios metros.
O vehículo, unha furgoneta de matrícula portuguesa, presenta un importante golpe non frontal. A Garda Civil inspecciona o lugar para determinar as causas do accidente.
Este punto quilométrico da N-525 é un lugar especialmente perigoso onde se produciron máis sinistros nos últimos anos, ao derivar unha curva moi pronunciada nunha recta longa con zonas habitadas polo medio.