Publicador de contidos

Publicador de contidos

Atrapado dous días un camión entre dúas vivendas de Cabanas por seguir o GPS

Atrapado dous días un camión entre dúas vivendas de Cabanas por seguir o GPS

Ninguén se quería facer cargo da factura do rescate, mentres os veciños de Laraxe tiña unha das súas estradas cortadas

O home só falaba turco e non entendeu os veciños que lle indicaron que o camión non pasaba polo lugar

O camión manobrando para saír da aldea despois de que o rescataran
G24.gal 20/10/2023 13:25 Última actualización 20/10/2023 14:20

Dous días estivo outro camión atrancado nunha aldea da parroquia de Laraxe, en Cabanas. O condutor, un camioneiro turco que viña a Narón por unha carga. O navegador meteuno por unha pista para atallar e quedou entre dúas casas. O home só falaba turco e non entendeu os veciños que lle indicaron que o camión non pasaba polo lugar.

 "Chegabamos de comprar co coche e vimos o camión. Tentamos facerlle sinais para que parara, pero nada, como non entende nin español, nin inglés, porque é turco, meteuse ata abaixo", afirma Lucía, unha das afectadas.

Os veciños din que o condutor case choraba cando se viu atrapado non medio da aldea. O camión non chegou a afectar gravemente as vivendas, pero non podía ir cara diante, nin manobrar cara a atrás.

"Eu estiven que non puiden sacar o coche nun día. O veciño se quería saír tiña que pasar por debaixo do remolque, que lle quedou diante da porta e para pasar dun lado a outro tiña que saír pola fiestra. De feito, a Garda Civil, Protección Civil e a policía tiveron que saír pola fiestra da miña casa para ir ao outro lado e poder ver o que pasaba", asegura Lucía. 

Todo eran problemas, porque non se sabía quen se ía facer cargo da factura do rescate. Finalmente unha empresa local, en colaboración co Concello, decidiu actuar, sen importar o custo, para axudar o traballador e devolver a normalidade aos veciños.

"Estaba rozando nunha casa e a dez centímetros da outra. A manobra era difícil porque había cables da luz que impedían a manobra. Tivemos que enganchalo varias veces e despois cun camión formigoneira tirar del para poder sacalo. O condutor tiña ganas de saír e ao ir marcha atrás tirou cun poste da luz. Un mal menor para o que aquí había", conta Francisco un dos responsables da empresa que rescatou o camión.

O Concello de Cabanas buscoulle un hotel e onde comer ao camioneiro. Este venres tentaban darlle a volta ao vehículo para que puidese seguir camiño. Algo que tamén se complicou ao quedar atrapado nun prado. Contan que nas próximas horas un guindastre axude a saír do atoamento este turco, que xa leva que contar para a súa casa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade