O transatlántico co gromo de norovirus parte da Coruña rumbo a Xixón
O barco, con 21 casos activos a bordo de gastroenterite, deixou o porto ás 20:00 horas
A pasaxe sa puido abandonar a nave antes do mediodía para visitar a cidade
Nunha das escalas confirmouse a morte dun home británico nonaxenario por este virus
O transatlántico Ambition, afectado por un gromo de gastroenterite causada por un norovirus, atracou este sábado antes do previsto no porto da Coruña, sobre as 10:20 horas, con 21 casos activos.
Xa no peirao de transatlánticos, un equipo de Sanidade Exterior subiu ao barco para inspeccionalo e unha hora despois autorizou o desembarco da pasaxe que puido visitar a cidade. As persoas afectadas permaneceron illadas a bordo, cumprindo cos protocolos establecidos.
O Ambition, procedente das illas Shetland (O Reino Unido), recalou en Belfast, Liverpool e Brest antes de facelo en Bordeos, onde se ratificou a morte dun home británico nonaxenario con gastroenterite aguda.
A bordo viaxan 1.750 persoas entre tripulación e pasaxe
O feito coincidiu coa aparición de casos de vómitos e diarrea entre unhas cincuenta persoas, das 1.750 que viaxan a bordo entre tripulación e pasaxe.
Estaba previsto que nesta xornada fixese escala en Ferrol, pero foi cancelada. Ás 20:00 horas partiu rumbo a Xixón, para seguir a marcha o domingo con destino a Bilbao.
O norovirus é unha das principais causas da intoxicación alimentaria que provoca gastroenterite aguda ou gripe estomacal. Altamente contaxioso, ten un período de incubación moi curto que causa gromos explosivos en sitios pechados.
O transatlántico partiu rumbo a Xixón ás 20:00 horas
A Autoridade Portuaria, o Concello da Coruña, a Xunta de Galicia, Capitanía Marítima, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, a consignataria do buque e a terminal de buques de cruceiro mantiveron unha xuntanza de coordinación na tarde do venres.
A Capitanía Marítima, dependente do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, autorizou a súa entrada en augas españolas. A Autoridade Portuaria deulle o visto e prace á atracada.
A Delegación do Goberno en Galicia e o resto de administracións trasladaran nun comunicado unha mensaxe de tranquilidade porque, segundo confirmaron, a situación estaba "monitorizada" e aplicáronse todas as medidas para garantir a seguridade.