Un detido por un crime machista confesa que matara e emparedara outra muller en 2014
Un detido por un crime machista confesa que matara e emparedara outra muller en 2014
O asasino, detido pola morte doutra muller, confesou o crime na comisaría
Os restos de Sibora, asasinada en 2014, levaban nove anos emparedados no seu piso en Torremolinos
A Policía Nacional resolveu un crime cando investigaba outro. Acababa de deter un home pola súa presunta implicación na morte da súa actual parella no mes de maio en Torremolinos. Na comisaría confesou que tamén matara e emparedara outra exparella, de nacionalidade italiana, que levaba desaparecida desde 2014.
Os axentes encontraron o corpo supostamente desta muller na vivenda que compartiran, tamén en Torremolinos. As probas de ADN confirmarán a súa identidade. Segundo relatou o acusado, matáraa cando ela decidira rematar a relación que mantiñan desde había tres anos.
Marco asasinou en maio a coiteladas a súa exparella Paula, de 28 anos, noutra vivenda de Torremolinos. Paula non o denunciara nunca por violencia machista, pero o home tiña denuncias previas de dúas parellas anteriores, unha delas Sibora. Pouco despois de que o detiveran pola morte de Paula, Marco confesou que matara e emparedara a Sibora, de 22 anos, tras ver a súa imaxe nun taboleiro das dependencias policiais.
A confesión levou a policía de novo ao piso que compartiran e tras 4 rexistros deron co corpo. Atopárono tras derrubar a parede dun cuarto. Para sorpresa dos actuais inquilinos, o cadáver levaba alí 9 anos, metido nunha bolsa de lixo.