Atopan no río Arenteiro o corpo sen vida da muller desaparecida no Carballiño
A desaparición fora denunciada hai unha semana e a procura centrouse na zona do río
Foi un veciño o que alertou de que vira o corpo dunha muller na auga
A muller tiña 79 anos e era veciña da aldea de Arcos
Os equipos de emerxencias de Ribadavia e do Carballiño rescataron do río Arenteiro o corpo sen vida de Concepción Vázquez, a muller de 79 anos que levaba desaparecida desde o sábado pasado. Foi un veciño o que alertou este mediodía de que vira un corpo flotando na auga.
Máis de dúas horas estiveron traballando os equipos do GES de Ribadavia, Protección Civil, os bombeiros e a Policía Local do Carballiño para conseguir sacar do río Arenteiro o corpo sen vida de Concepción Vázquez. Foi un veciño o que alertou de que vira no leito do río o corpo dunha muller. Apareceu nunha zona de difícil acceso e con moita maleza, o que complicou o seu rescate.
"Complicado porque estaba debaixo das ramas, houbo auga en abundancia e se conoce que a incrustou e non ía saír se non a ven", conta Adolfo Otero, membro de Protección Civil do Carballiño.
Xusto había unha semana que a familia denunciara a súa desaparición e en todos estes días non parou de buscala un amplo dispositivo pola zona do río, desde a localidade de Arcos, onde vivía, ata O Carballiño. Familiares e amigos asistiron á recuperación do cadáver e están moi apenados polo seu falecemento.
"Unha pena, eu vouna botar de menos, porque a vía todos os días e polo menos facíame rir, e era moi boa muller", di unha veciña de Concepción da aldea de Arcos.
Descoñécese polo de agora a causa da morte da muller de 79 anos, puido caer ao río accidentalmente ou puido, como sospeitan algúns dos seus familiares, tirarse intencionadamente. O seu corpo foi trasladado polo servizo xudicial para practicarlle a autopsia no hospital de Ourense.