Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un home mata a exmuller en Baiona diante dos seus fillos

Un home mata a exmuller en Baiona diante dos seus fillos

O suposto agresor agarda na comisaría de Ourense antes de pasar á disposición xudicial

O home acudiu á casa da súa exparella para devolver os dous fillos menores, cos que pasara a fin de semana

O Concello de Baiona gardou un minuto de silencio e convocou tres días de loito

G24.gal 06/02/2023 07:56 Última actualización 06/02/2023 21:35

Axentes da Policía Nacional detiveron en Ourense a exparella de Beatriz, a muller de 47 anos encontrada morta con signos de violencia en Baiona, como sospeitoso do asasinato, que se investiga como un caso de violencia de xénero.

O investigado presentouse el mesmo na comisaría ourensá para entregarse, logo de que se establecese un dispositivo para tratar de localizalo tras o achado do cadáver. Está previsto que sexa trasladado á comandancia da Garda Civil de Pontevedra.

O corpo da muller foi atopado sobre as 21:30 do domingo á noite no seu domicilio, despois de que a Garda Civil recibise un aviso minutos antes. O home acudira á casa da vítima para devolver os dous fillos menores, cos que pasara a fin de semana. Foi nese momento cando, presuntamente, cometeu o crime diante dos nenos. Posteriormente, o home levou os menores á casa dos seus avós paternos e fuxiu.

Segundo fontes próximas ao caso, a muller tiña "varios golpes contundentes" na cabeza. En Lalín, a subdelegada do Goberno Maica Larriba confirmou a detención e dixo que non había denuncias previas na parella.

“Unha vez máis, a realidade golpea, a violencia de xénero existe, os crimes machistas. As mulleres morren polo feito de ser mulleres e, unha vez máis, cómpre enviar a mensaxe a todas as mulleres de que non teñan medo, que nos están soas, que as institucións, as forzas e corpos de seguridade do Estado e os cidadáns e as cidadás de ben estamos con elas”, dixo Larriba.

O alcalde de Baiona Carlos Gómez amosou a súa consternación e a condena de todos os veciños da vila polo asasinato de Beatriz. “Como Concello, como responsables públicos, mostramos o noso rexeitamento, a nosa condena a actos tan inhumanos coma este”, dixo Gómez, quen non quixo profundar nos pormenores do caso ata dispoñer do informe da Policía Xudicial e da Garda Civil.

“Lamentamos en nome de todos os veciños e veciñas de Baiona un acto tan repulsivo como o que ocorreu onte na nosa vila”, finalizou. 

As bandeiras ondean xa a media hasta en Baiona e vanse decretar tres días de loito oficial. Esta mañá os veciños concentrábanse de xeito espontáneo na Praza do Concello.

De se confirmar que estamos ante un crime machista, sería o primeiro en Galicia no que vai de ano e o oitavo en España

Rueda e a oposición expresan condena unanimemente

O presidente da Xunta Alfonso Rueda condenou, do mesmo xeito que os líderes do BNG e o PSdeG, o asasinato machista cometido onte pola noite en Baiona e instou a non deterse ata acabarmos "xuntos" con esta "eiva" da violencia contra as mulleres.

En declaracións aos medios en Vigo, o xefe do Goberno galego mandou tamén unha mensaxe de solidariedade ás familias e amizades da muller asasinada.

O presidente asegurou sentirse "horrorizado" e comprometeuse a traballar para que "algunha vez todo isto remate".

A líder do BNG Ana Pontón reaccionou tamén a través das redes sociais ante este crime expresando a súa "inmensa rabia e indignación" e destacando a necesidade de "redobrar recursos, medios e prevención da violencia machista".

Unha "rabia" que manifestou igualmente o secretario xeral do PSdeG Valentín González Formoso, quen instou a "non baixar a garda" nin "transixir cos negacionistas" desta "eiva".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade