Asasinada unha muller en Ribeira, supostamente pola súa exparella
Asasinada unha muller en Ribeira, supostamente pola súa exparella
O suposto autor do crime confesou os feitos a un familiar e tamén lle falou da súa intención de suicidarse
A parella tiña un fillo de dous anos
O home que supostamente asasinou á súa parella cunha arma branca en Palmeira, no municipio coruñés de Ribeira, chamou un familiar para confesar o crime e avanzar a súa intención de suicidarse.
Foi esta persoa, o seu interlocutor, a que avisou aos servizos de emerxencia, aínda que tamén os veciños deron a voz de alerta ao escoitar unha forte discusión no domicilio.
O crime investígase como machista.
Cometeuse cunha arma branca coa que o agresor, posteriormente, tamén tentou quitarse a vida, aínda que non o conseguiu.
O home atópase en estado crítico tras tentar suicidarse e foi trasladado ao hospital.
A muller foi achada sen vida no chan da cociña da planta baixa do inmoble que, parece ser, ambos compartían.
Segundo confirmou o alcalde de Ribeira, Luís Pérez, que se achegou ao lugar dos feitos, a parella, duns 25 anos, ten un fillo de dous anos de idade, que “afortunadamente” non se atopaba na vivenda.
O rexedor non deu máis datos e pediu respecto porque aínda se está investigando o crime perpetrado ao redor das 17:30 horas, polo que “hai que esperar para esclarecer algo máis”, dixo.
O Concello de Ribeira convocou un pleno urxente para mañá mércores e un minuto de silencio como repulsa polo crime.
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, condenou o crime e enviou o seu “apoio e agarimo” á familia da vítima.
“Estremecémonos cada vez que recibimos unha noticia coma esta. Un novo asasinato machista deixa á sociedade galega e á vila de Ribeira sen palabras”, escribiu Rueda na súa conta na rede social X esta tarde.
Enviou ademais o seu “apoio e agarimo á familia e aos seres queridos de Andrea. #NinUnhaMenos”, conclúe a mensaxe.
Estremecémonos cada vez que recibimos unha noticia como esta. Un novo asasinato machista deixa á sociedade galega e á vila de Ribeira sen palabras. Todo o meu apoio e cariño á familia e aos seres queridos de Andrea #NinUnhaMenoshttps://t.co/AbGsYAzmVs
— Alfonso Rueda (@AlfonsoRuedaGal) March 19, 2024