Asaltan un bar en Monforte e levan enteira a máquina comecartos
Os ladróns provocaron perdas por valor duns 6.000 euros, amais de importantes danos materiais sen cuantificar
Un bar da rúa Ourense, en Monforte, foi asaltado de madrugada. O obxectivo dos ladróns non era outro que a máquina comecartos, co fin de facérense coa recadación de varios días.
O valor da máquina subtraída é de preto de 5.000 euros, ao que hai que engadir o diñeiro que contiña. En total, as perdas poderían superar os 6.000 euros, sen contar os danos materiais.
"A máquina vale, segundo dixo o seu dono, 4.800 euros, e mais mil ou mil e pico que tería de diñeiro", explica Pepe Vilar, hostaleiro.
Para accederen ao local, os asaltantes trataron de forzar a porta e acabaron por romper a golpes a cristaleira da entrada. O ruído chegou a espertar os veciños do edificio, pero foi un traballador do servizo de recollida do lixo quen deu a voz de alarma.
"Chamou a policía un varredor que ía do traballo para a casa. Os que viven aquí sentiron o ruído, pero non lle deron importancia. Tocante ao golpe que teñen as portas, pode ser que lle deran cun coche. Nin a policía o sabía", di Pepe.
En calquera caso, os axentes da comisaría monfortina están a investigar agora a autoría deste asalto.