As universidades aspiran a renovarse coa chegada de novas canles de financiamento
O Plan de financiamento universitario mobilizará máis de 3.200 millóns ata 2026
O Plan de financiamento universitario de Galicia vai mobilizar máis de 3.200 millóns de euros de aquí a 2026. O plan abre a porta á creación dun fondo complementario, para construír ou rehabilitar edificios singulares nos campus galegos. As universidades contan con que ese fondo impulse as infraestruturas que teñen pendentes.
A idea é crear un fondo específico para os investimentos en infraestruturas universitarias, sexa para a rehabilitación ou para a construción de novos edificios.
"Tendo en conta tamén que se abren posibilidades de financiamento vinculadas aos fondos europeos, aos Next Generation, aos de rehabilitación... En definitiva aproveitar este momento, a principios do ano 22 para sentarnos e marcar unha folla de ruta conxunta", di o conselleiro Román Rodríguez.
Á espera de negociar os detalles dese plan de infraestruturas, as universidades xa teñen feita a listaxe de actuacións prioritarias.
"Falamos da rehabilitación da facultade de Xeografía e Historia ou da facultade de Medicina, tamén da de Química, dotar dun espazo á facultade de Farmacia, que agora non o ten. Ese é o noso proxecto, vinculado tamén ao da cidade da saúde", explica o reitor compostelán, Antonio López.
"Accións vinculadas a infraestruturas de investigacións e despois o que temos é ampliación de centros de educativos e a adaptación da Universidade da Coruña á eficiencia enerxética", conta Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña.
As melloras de eficiencia enerxética van ser o primeiro paso dese futuro plan de infraestruturas. A previsión é que xa neste ano as universidades reciban catro millóns e medio de euros para acometelas.