As unidades móbiles do exército xa vacinaron 60.000 persoas contra a covid en España
A ministra de Defensa visitou o punto de vacinación do Sergas en Pontevedra

Parte da vintena de profesionais cos que Defensa reforza os puntos de vacinación do Sergas prestan servizo no edificio administrativo da Xunta en Pontevedra. Despois de coñecelos, a ministra Robles recordou a alta mortalidade nas UCI dos hospitais militares de persoas non vacinadas.
Segundo os últimos datos do Ministerio de Defensa, as unidades móbiles militares xa administraron a vacina da covid a 60.000 persoas en toda España desde que o exército sumou os seus dispositivos de apoio a esta campaña.
Horas antes, a titular de Defensa realizou unha visita á base pontevedresa da Brilat, que organizou unha exposición cos medios cos que conta para apoiar á sociedade nunha situación de crise. Tamén coñeceu a sala da Unidade de Vixilancia Epidemiolóxica, onde 80 rastrexadores en dúas quendas realizan acotío unhas 12.000 chamadas a contactos estreitos de positivos.