As reservas para Semana Santa en Ferrol chegan xa ao 75 %
A maioría son turistas españois aínda que medra a chegada de visitantes estranxeiros
Neste hotel de Ferrol reciben chamadas a diario para interesarse polas estadías na Semana Santa.
A ocupación media para toda a semana é xa do 80 %, e agardan que sexa do 100 %.
"Xa temos datas que están moi complicadas. Falamos de xoves santo, venres ou sábado, en que é practicamente imposible conseguir un cuarto porque estamos case completos", asegura Loli Padín, traballadora na recepción do Hotel Alda El Suizo, quen engade: "Podemos dicir que, en certo sentido, é mellor que o ano pasado porque estamos conseguindo estadas de máis días".
Maioritariamente, son turistas que proceden doutras comunidades autónomas españolas, aínda que medra tamén a chegada de visitantes doutros países.
As previsións son optimistas para o sector hostaleiro.
"A estas alturas, estamos a un 75 % das reservas, non só nos hoteis senón tamén en restaurantes. Digamos que agás as reservas de última hora, que dependen máis do tempo para que se fagan ou non, o certo é que estamos con moita ilusión", explica Emilio Vázquez, presidente da Asociación de empresarios de hostalería de Ferrol e comarcas.
Declaradas Festa de Interese Turístico Internacional, as procesións da Semana Santa supoñen unha das celebracións de maior impacto económico para Ferrol.
Este ano agardan repetir e mesmo mellorar as cifras de 2022. "Agardamos poder repetir as cifras. Falamos de que queden en Ferrol nunha semana uns 50 millóns de euros e superemos os 250.000 visitantes. Que a xente veña coñecer Ferrol, porque é o momento", engade o presidente das empresas de hostalería.
A menos de dez días para o Venres de Dores, os hoteis da cidade desta volta contan con colgar o cartel de completo.