As Pontes súmase á Semana Europea da Mobilidade probando coches de enerxías alternativas
A mostra ofrece a oportunidade de coñecer como funcionan, como se recargan e poñerse ao volante dalgúns dos modelos e probalos
Un dos coches que se pode visitar na primeira Exposición de vehículos con enerxías alternativas que se celebra nas Pontes emprega como combustible o hidróxeno.
"A tecnoloxía principal deste vehículo son os depósitos de hidróxeno e a pila de combustible que o que fai é transformar o hidróxeno que nós recargamos en electricidade e fai mover o coche en modo eléctrico. O residuo é a auga que é a reacción química de xuntar hidróxeno e osíxeno e é o residuo que temos. Polo escape botaría auga", explica Juan José López, profesor de Formación Profesional no IES Lois Peña Novo de Vilalba, que xunto a outros colegas de centros galegos de FP participan desde hai anos nun proxecto para achegar a tecnoloxía do hidróxeno aos seus alumnos do Ciclo de Automoción.
Coches eléctricos ou híbridos, que empregan gas natural ou biocarburantes. A mostra ofrece ao seu público a oportunidade de coñecer como funcionan, como se recargan e mesmo tamén poderá poñerse ao volante dalgúns dos modelos e probalos.
A idea é "que poidan coller o coche pola autovía, unha subida, unha baixada, unha zona no centro urbano, unha estrada convencional para que de verdade se proba un coche", indica Jesús Castro, director da Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña.
As Pontes, concello que conta cunha gran tradición enerxética, súmase así ás iniciativas da Semana Europea da Mobilidade. "O seguinte que hai que cambiar é o sistema de transporte porque é o que máis emisións produce. As políticas europeas van enfocadas todas a ese cambio de modelo. Non é unha cuestión optativa de se queremos ou non. Hai que cambiar", argumenta Antonio Alonso, concelleiro de Urbanismo do Concello das Pontes.
Completan a mostra os vehículos industriais ou de mobilidade persoal, todos eles de cero emisións.