As pantallas presiden o desfile en que participaron 28 comparsas no día grande do Entroido de Xinzo
Un cento de pantallas de case todas as idades presidiron o desfile máis multitudinario
O son das vexigas batendo sen descanso acompaña o paso do persoeiro máis emblemático do entroido limiao. Un cento de pantallas de case todas as idades presidiron o desfile máis multitudinario. "Oxalá fósemos máis, máis xente que collese a pantalla, fixese o traxe e saíse a correr, porque esta é unha tradición que non se pode perder", confesa un mozo co traxe de pantalla unha vez rematado o desfile.
O entroido tradicional, que capta a atención de propios e estraños. "Son artista plástico e gústame moito, emocióname esta cor e este movemento", sinala un visitante portugués. "É moi diferente, ademais de ser o máis grande dos que coñezo", afirma un turista chinés.
Pola estrada que vertebra a vila desfilaron 28 comparsas. Un carrusel de disfraces e parodias encabezados polo tradicional carro de vacas. "Estas vacas están afeitas á xente. Hai que traer animais mansos para que non se poñan nerviosos no desfile", afirma o campesiño que guía o carro.
Non podía faltar o personaxe que está a revolucionar a actualidade internacional co seu elevado afán imperialista. "Veñen amigablemente co exército e a ver como negociamos", apunta un cidadán de Groenlandia do Sur, segundo asegura.
Houbo tamén unha chiscadela á historia local, como o estraperlo na raia seca. "Somos contrabandistas e andamos con ollo, porque veñen tras de nós os gardiñas", di unha muller que porta un saco ao lombo. "Comiseilles tabaco, café Sical, o da negra, augardante ilegal", di o garda civil.
Representacións sobre a marcha e comparsas con coreografías e vestimentas máis sofisticadas encheron de cor o centro de Xinzo, ateigado de visitantes. "Cada día vén máis xente, isto non pode perderse", apunta unha muller que participou na comparsa das raíñas do xeo de Xinzo.
A festa non acaba hoxe, o entroido máis longo de Europa, que comezou o pasado 8 de febreiro, remata co Domingo de Piñata. Ata entón queda aínda moita troula por diante.