As ONG galegas insisten en que garanten a axuda eficaz e profesional a Ucraína
"A boa vontade agrada pero non chega. Canalizar as axudas económicas nas ONG é garantía de eficiencia e efectividade" dixo no BD, José Luís Barreiro, coordinador da ONG Entreculturas
As ONG avisan do perigo de actuación das mafias ante as iniciativas persoais de axuda
As ONG que traballan en Galicia insisten en que a experiencia e os anos de traballo en situacións de emerxencia as sitúan como o mellor medio para canalizar as axudas ante a chegada masiva de refuxiados procedentes de Ucraína. No espazo Bos Días da TVG, José Luís Barreiro, coordinador da ONG Entreculturas Galicia-Asturias chamaba a que se canalicen as doazóns de xeito profesional.
"Sabemos o xeito eficiente e efectivo de axudar ás persoas que o pasan mal, que son as desprazadas en Ucraína e refuxiadas noutros países. As ONG garanten a análise da evolución diaria da situación, contamos cunha loxística avanzada e menos custosa. Traballamos no almacenamento e na distribución da axuda" afirma José Luís Barreiro.
A recomendación das administracións públicas é que a mellor práctica nestes momentos é traballar e canalizar as axudas polas ONG de axuda humanitaria internacional.
"A solidariedade co actual impulso vale. Pero o máis importante é estar organizados e informar á cidadanía. O primordial é atender aos refuxiados alí e en tempo e hora. A boa vontade agrada, pero non chega" insisten desde as ONG galegas.
As organizacións de axuda alertan de que a solidariedade vai máis alá deste primeiro momento. O conflito vai perdurar no tempo e avisan de que cando o foco informativo desapareza, a medio e longo prazo a presenza das ONG vai ser máis precisa ca nunca. Os recursos van ser moi necesarios.
"Recoméndase canalizar a solidariedade con axudas económicas polas ONG que traballan na zona. Non é un conflito coma outros, non hai campos de refuxiados. Europa abriu as portas. Pero moitos ucraínos queren quedar alí, nas proximidades da fronteira, nos países veciños, non desprazarse a Alemaña ou España e vai ser un proceso longo e doloroso. Hai que apoiar ás persoas todo o tempo" engade José Luís Barreiro.
Tamén piden que non se esquezan as guerras ou conflitos humanitarios noutros lugares do mundo que necesitan da nosa solidariedade coas ONG presentes en África, Centroamérica, Latinoamérica ou Asia.
E ante as iniciativas persoais de xente que se despraza pola súa conta ás fronteiras de Ucraína coa intención de aliviar a situación e de recoller a persoas que foxen da guerra, avisan:
"Non é unha boa práctica na axuda humanitaria. Os que saen son na súa maioría mulleres, anciáns e nenos. Hai risco de actuacións de mafias, sobre as que xa hai informacións con perigo de trata de brancas, tema con menores. Falamos de persoas, non é unha festa a situación. Ten que ser controlado, organizado. Facelo de xeito solitario é un risco para todos, xa que estamos a falar de persoas en risco de vulnerabilidade absoluta".insiste José Luís Barreiro.
As ONG reiteran que a mellor colaboración de todos con Ucraína e coa súa xente e canalizar as doazóns económicas nestas organizacións e deixarlles a atención profesional a eles, xa que non se carrexan mercadorías senón persoas, ante unha catástrofe humanitaria que non se coñecía desde a II Guerra Mundial.