As obras de ampliación do Clínico de Santiago licitaranse en tres meses
O hospital compostelán contará con sete quirófanos novos, ampliará as urxencias pediátricas, a área de endoscopias e o laboratorio de microbioloxía, e acollerá a unidade de mama e o hospital de día
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asistiu este venres á presentación do proxecto de ampliación do Complexo Hospitalario Clínico de Santiago, que afecta dous dos tres edificios das instalacións para aumentar nun 30 % máis a superficie do hospital.
Vai haber sete quirófanos novos, urxencias pediátricas máis amplas e máis espazo para a área de endoscopias, para o laboratorio de microbioloxía, a unidade de mama e o hospital de día. A obra completa custará 70 millóns de euros. Vaise licitar en tres meses.
"Imos intentar que os veciños desta área sigan contando cun grande hospital europeo, que se pode comparar cos mellores hospitais alemáns, franceses e británicos. A pesar de estar na esquina de Europa podemos acreditar que fai unha medicina de extraordinaria calidade", afirmou o presidente galego.
Feijóo adiantou que Santiago vai acoller amais o Centro de prontoterapia de Galicia para radiación oncolóxica. Ocupa 4.000 metros cadrados a maiores do proxecto de ampliación. A área sanitaria de Santiago e Barbanza atende 450.000 persoas.