As obras da estación de autobuses intermodal da Coruña comezan en setembro
A conselleira de Infraestruturas e as empresas construtoras asinaron o contrato de obra
As obras da nova terminal de autobús teñen un investimento de 37,8 millóns de euros, e xerarán 700 postos de traballo
En setembro comezarán as obras para construír a nova estación intermodal de autobuses da Coruña. A consellería de Infraestruturas anunciou un orzamento de 37,8 millóns de euros para o proxecto, que xerará -estiman- 700 postos de traballo.
Na avenida da Sardiñeira construirán as dársenas, o edificio de viaxeiros e un aparcadoiro de 325 prazas, con accesos e conexións entre a terminal de autobuses e a do tren.
Segundo a conselleira, Ethel Vázquez, o obxectivo é facilitar o intercambio "áxil e seguro" de viaxeiros dos diferentes modos de transporte. Para ela, esa intermodalidade "é clave" na chegada da alta velocidade.
O contrato fixa un prazo de execución de 29 meses. A finais de 2025 podería estrearse a estación de autobuses intermodal da Coruña.