As nubes baixas restarán nitidez á eclipse na Mariña e no norte da Costa da Morte
No resto do país o ceo será "apto" para a observación do fenómeno astronómico, informa MeteoGalicia
As nubes baixas que a partir da media tarde do mércores empezarán a entrar polo norte de Galicia impedirán observar a eclipse de sol con total nitidez na Mariña e na parte norte da Costa da Morte.
PROBABILIDADE DE VER ECLIPSE 12A EN #GALICIA:
— MeteoGalicia (@MeteoGalicia) August 10, 2026
Resumo dos escenarios posibles de distribución de nubes ás 20:00 horas do mércores 12 de agosto👇https://t.co/a2pw1f1fbR pic.twitter.com/jimh9NFqPr
No resto da comunidade o ceo será "apto" para a observación do fenómeno astronómico, é dicir, non se espera obstrución na visibilidade por causa das nubes, segundo informan desde MeteoGalicia.
En Galicia, a eclipse comezará ao redor das 19:31 e as 19:33 horas e o máximo producirase aproximadamente entre as 20:28 e as 20:30 horas, e a súa finalización está prevista cara ás 21:22 e 21:23 horas.
Na comunidade galega os predictores de MeteoGalicia desenvolveron unha plataforma en que utilizaron cincuenta e tres mapas de predición diferentes de trece centros internacionais, entre eles o seu propio.
Atendendo aos datos obtidos, a maioría dos modelos "apuntan" á existencia de nubes baixas "a esa hora nesas zonas" da Mariña e o norte da Costa da Morte; unha situación "bastante habitual" no verán en Galicia, co anticiclón estendido sobre o oeste da comunidade e o vento do norte que arrastra nebulosidade baixa nas citadas áreas.
Estas nubes baixas chegará a partir de media tarde do mércores nesas zonas, de forma que cara á noite os municipios máis ao norte das comarcas de Terra de Soneira, Bergantiños, A Coruña, Ortegal e A Mariña serán as máis probables en que o ceo se vaia cubrindo de norte a sur.