Publicador de contidos

Publicador de contidos

As nevadas condicionan a circulación en varias vías de Ourense, con restricións para tráfico pesado e uso de cadeas

As nevadas condicionan a circulación en varias vías de Ourense, con restricións para tráfico pesado e uso de cadeas

Estableceuse nivel vermello na estrada OU-0704, entre os quilómetros 0 e 6,8, na contorna da Pobra de Trives e Cabeza de Manzaneda, prohibiuse a circulación de vehículos pesados e autobuses, e é obrigatorio o uso de cadeas ou pneumáticos de inverno para o resto de vehículos

Continúa o temporal de frío e neve na península

G24.gal 07/01/2026 11:02 Última actualización 07/01/2026 14:38

As nevadas condicionan este mércores pola mañá a circulación en varias estradas da provincia de Ourense, con restricións para autobuses e tráfico pesado, e obrigación do uso de cadeas ou pneumáticos de inverno, segundo os datos que fixo públicos a DXT.

Así, estableceuse nivel vermello na estrada OU-0704, entre os quilómetros 0 e 6.8, na contorna da Pobra de Trives e Cabeza de Manzaneda. Nese tramo de vía prohibiuse a circulación de vehículos pesados e autobuses, e é obrigatorio o uso de cadeas ou pneumáticos de inverno para o resto de vehículos, que non poderán superar a velocidade máxima de 30 quilómetros por hora.

Tamén hai nivel vermello na OU-122, en Casaio (Carballeda de Valdeorras), entre os quilómetros 20.0 e 26.3, onde tamén está prohibida a circulación de camións e buses, e é obrigatorio o uso de cadeas ou pneumáticos de inverno, cun límite máximo de velocidade de 30 quilómetros por hora.

Na OU-129, entre Viana do Bolo e A Veiga, hai nivel verde, e a vía está transitable con precaución entre os quilómetros 0 e 10. Con todo, estableceuse a prohibición de adiantamento para os vehículos pesados.

Na autovía A-52, na Canda, a nevada tamén afecta á circulación e, aínda que non hai restricións, a DXT reclama precaución entre os quilómetros 113 e 132 (A Canda-Mesón de Erosa, A Gudiña). Ademais, neste punto a néboa tamén reduciu a visibilidade.

Os termómetros moderan os seus valores en Galicia, pero marcaron cifras baixo cero en puntos de Ourense e Lugo

As temperaturas moderaron os seus valores nas últimas horas en Galicia, pero os termómetros seguiron baixo cero en varios puntos das provincias de Ourense e Lugo, segundo os datos feitos públicos por MeteoGalicia.

Así, a pasada madrugada rexistráronse valores negativos na Veiga (-4,9º), en Carballeda de Valdeorras (-4,2º), na cabeza de Manzaneda (-4,2º), Pedrafita do Cebreiro (-2,6º), Viana do Bolo (-0,6º), Riós (-0,1º) ou A Fonsagrada (-0,1º). Os termómetros descenderon ata os 0º tamén en Folgoso do Courel (Lugo).

En canto ao vento, MeteoGalicia informou de refachos de ata 91 quilómetros por hora en Punta Candieira, en Cedeira (A Coruña), e de 82,9 quilómetros por hora en Penedo do Galo, en Viveiro (Lugo).

Segundo a previsión deste organismo dependente da Xunta, para este mércores espérase ceo cuberto con precipitacións intermitentes na metade norte pola mañá, e tarde se choiva. As temperaturas experimentarán un lixeiro a moderado ascenso.

No caso das principais cidades, Lugo e Santiago non superarán os 10 e 12 graos de máxima, respectivamente, mentres que o resto oscilarán entre os 13 graos previstos na Coruña e Ourense, e os 15 previstos en Vigo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar