Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ferrol e Viveiro suspenden as procesións do Venres Santo pola chuvia

Ferrol e Viveiro suspenden as procesións do Venres Santo pola chuvia

A auga impediu tamén as citas do Xoves Santo e xa se cancelaron dez desfiles nesta Semana Santa

A confraría de Dolores celebrou actos litúrxicos alternativos no seu templo

A chuvia obriga a celebrar o Santo Encontro de Viveiro o interior da igrexa de San Francisco

 

O mal tempo impediu que os confrades sacaran as imaxes do interior do templo
G24.gal 18/04/2025 12:52 Última actualización 18/04/2025 22:42

As seis procesións previstas para o Venres Santo en Ferrol, a xornada central da súa Semana Santa, non saíron á rúa por mor da chuvia. Trátase dun evento declarado de Interese Turístico Internacional que tampouco puido celebrar as tres citas procesionais do Xoves Santo.

Cancelacións desde primeira hora

A primeira procesión en suspenderse foi a do Santo Encontro, organizada pola Confraría de Dolores.

O anuncio chegou sobre as 10:30 da mañá, case unha hora antes da saída prevista desde a praza de Amboaxe cara á de Armas.

Como alternativa, a confraría abriu as portas do corralón do seu templo para que o público puidese ver as imaxes no interior.

Actos litúrxicos como alternativa

Ás suspensións sumouse a procesión do Santo Enterro, organizada pola súa propia irmandade, que se substituíu por un acto relixioso na concatedral de San Xiao. Ese mesmo templo acolleu tamén a cerimonia previa do Desencravo.

Tamén quedaron cancelados os desfiles do Crucificado e do Traslado, organizados respectivamente polas confrarías da Mercé e Dolores. No caso do Crucificado, celebrouse unha breve cita litúrxica no interior da capela da Mercé.

Os Caladiños tampouco saíron

A última cancelación do día foi a procesión nocturna dos Caladiños, recoñecida polo silencio do seu cortexo. A confraría promotora, a de Dolores, anunciou pouco antes das 22:00 horas que en lugar da procesión se celebraría un acto litúrxico na igrexa de Dolores a partir das 23:00 horas.

Con estas suspensións, a cifra total de desfiles cancelados por mor da chuvia esta semana ascende xa a dez, a falta das dúas últimas procesións previstas para o Sábado Santo e o Domingo de Resurrección.

Suspensións tamén en Viveiro

En Viveiro, a procesión do Santo Enterro non puido saír. Provocou moita decepción entre os veciños porque esta procesión está considerada a máis solemne da Semana Santa da vila.

Está organizada pola Confraría do Santísimo Rosario e conta con catro pasos: o do Santísimo Cristo Xacente, da Magdalena, de San Xoán, e da Virxe da Soidade. 

Decepción tamén entre os confrades que levan un ano preparando este día. A Semana Santa de Viveiro está declarada festa de interese turístico internacional.

Igualmente houbo que suspender a procesión da Paixón, prevista inicialmente para as 10 da noite e na que ían participar uns 1.400 confrades.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade