As forzas de seguridade liberan unha muller que foi retida seis días nun piso no Porriño
A Policía Local do Porriño e a Garda Civil detiveron o presunto autor dos feitos ao que se lle imputa un delito de Detención Ilegal e un delito de agresión sexual e lesións
A vítima alertou da súa situación lanzando notas manuscritas pola ventá mentres o home durmía
Axentes da Policía Local do Porriño e da Garda Civil do Porriño liberaron este luns unha muller que levaba retida contra a súa vontade seis días nunha céntrica vivenda do Porriño e detiveron o presunto responsable dos feitos, un home de 26 anos de idade e veciño da vila, por senllos delitos de detención ilegal e agresión sexual e lesións.
A policía recibiu o aviso a través do 112 de que unha muller enviara dúas notas manuscritas en papel por unha fiestra onde alertaba de que se atopaba retida en contra da súa vontade nunha vivenda e pedía axuda. Unha veciña atopou unha das notas, en que facilitaba datos do presunto autor e o enderezo de onde se atopaba, e púxoo en coñecemento do 112 .
Tras realizar as primeiras pescudas, comprobaron que o enderezo e os datos facilitados pola vítima coincidían cos dun varón que se atopaba en busca e captura por diversos xulgados da provincia e sobre o que pesaba tamén unha orde de ingreso en prisión. O home protagonizara supostamente un episodio similar nun concello limítrofe, sen poder ser detido.
Os axentes optaron por tirar a porta pola forza utilizando un ariete. Ao acceder á vivenda atoparon o home durmindo na cama e a vítima aterrorizada e en estado de nerviosismo. De inmediato e sen darlle tempo a reaccionar procederon á súa detención.
A moza, que presentaba diversos hematomas no corpo -segundo manifestou ela- producidos polo agresor co fin de manter relacións sexuais, relatou aos axentes que levaba dende o día 19 de xullo encerrada na vivenda, sen que se lle deixase comunicarse con ninguén do exterior.
A vítima foi trasladada pola ambulancia do 061, acompañada en todo momento por unha axente da Policía Local do Porriño, ao Hospital Álvaro Cunqueiro, onde se iniciou o protocolo de agresións sexuais, e foi recoñecida pola médica forense. A muller interpuxo unha denuncia por todo o acontecido.
O home foi detido e posto a disposición xudicial como presunto autor dos delitos de detención ilegal e agresión sexual e lesións. A familia da vítima denunciara a súa desaparición tras levar días sen ter coñecemento do seu paradoiro.