As farmacias galegas poden dispensar sen a receita activa os medicamentos que non poden esperar
Farano co consentimento do centro de saúde do paciente, cun protocolo rigoroso que se estrea a partir do luns
Considéranse medicamentos non demorables os que, de interromper o tratamento, poderían provocar problemas na saúde dos pacientes: a insulina, por exemplo. É algo excepcional para aqueles casos en que o paciente acode á farmacia porque non ten medicación para as 72 horas seguintes e en caso de que isto supoña un risco para a saúde.
"Fármacos como os antiepilépticos, que se se interrompen bruscamente pódese producir unha convulsión. Ou outros como psicotrópicos que se usan para demencias, inmunosupresores para pacientes transplantados e tamén algúns relacionados coa saúde cardiovascular", detallou Antonio Gómez Caamaño, o conselleiro de Sanidade.
Todos eses medicamentos teñen ademais a característica de que o seu efecto sobre o organismo ten unha vida curta. En caso de quedar sen eles e non estar activados na tarxeta, os farmacéuticos poderán dispensalos de xeito excepcional para que o paciente non quede sen tratamento.
"Non se pretende que con este sistema se renove a prescrición de xeito habitual, senón naqueles casos onde estea en risco a saúde do paciente", advertiu Sara Catrain, a Presidenta do Colexio de Farmacéuticos da Coruña
O farmacéutico poderá dispensalo tras unha chamada telefónica a un técnico do centro de saúde, que lle dea o visto e prace. Segundo a Consellería de Sanidade, este tipo de proceso está deseñado para casos moi concretos, e contribúe a diminuír a tensión sobre as consultas do médico de cabeceira.
O ano pasado Atención Primaria atendeu en Galicia tres millóns de consultas para a renovación de medicación. Un 10 por cento estaban relacionadas con este tipo de medicamentos non demorables.