Publicador de contidos

Publicador de contidos

As familias dos falecidos no Villa de Pitanxo exercerán a acusación particular

As familias dos falecidos no Villa de Pitanxo exercerán a acusación particular

Afirman que non buscan culpables e só queren saber a verdade sobre o naufraxio

María José de Pazo critica que a armadora pretenda presentarse como prexudicada

G24.gal 28/05/2022 12:44 Última actualización 28/05/2022 13:08

As familias dos falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo exercerán a acusación particular na causa aberta por este accidente, en que morreron 21 mariñeiros.

Á espera de que o 6 de xuño declare como investigado o patrón do pesqueiro, manteñen a presión para que se baixe ao barco. Esta semana recibiunos o Rei, e este sábado reuníronse co presidente da Xunta.

María José de Pazo, filla dun dos mariñeiros falecidos, adiantaba na Televisión de Galicia que os familiares xa teñen decidido presentarse como acusación no proceso xudicial aberto por este accidente. 

"Nós, como sabedes, estamos á espera de acontecementos, cremos na xustiza pero estanse revelando moitos datos, que fan imprescindible que tomemos parte, estar presentes no proceso xudicial", asegura.

Non entenden que a armadora tamén queira presentarse na causa como prexudicada. Lembra que nunca se implicou na loita dos afectados por coñecer a verdade.

María José de Pazo tamén se mostrou algo decepcionada porque a Audiencia Nacional decidiu aprazar ata o 6 de xuño a declaración do patrón do pesqueiro. Juan Padín acudirá como investigado.

Os outros dous sobreviventes declararán como testemuñas. E mentres, as familias insisten en que non van parar ata conseguir que se baixe ao barco.

"Nós nunca buscamos culpables, primeiro hai que saber a verdade, iso é un tema xudicial, un xuíz terá que exonerar ou declarar culpable nunha sentenza, pero nós o que queremos é ter todos os datos e ter xustiza e non imos parar, por suposto que non", insiste.

Publicidade
Publicidade
Publicidade