A xuntanza para recolocar menores migrantes non se celebra por falta de quórum tras o plante do PP
Os conselleiros populares, incluída a titular galega de Política Social e Igualdade, Fabiola García, non acudiron á Conferencia Sectorial de Infancia e Adolescencia ao considerar que o Goberno pretende impoñer unha repartición forzosa e ilegal
A Xunta di que non hai nin unha soa praza dispoñible para acoller menores estranxeiros

As comunidades gobernadas polo PP non acudiron este xoves á Conferencia Sectorial na que se ía tratar a recolocación duns 3.000 menores migrantes non acompañados e a xuntanza tivo que ser suspendida por falta de quórum.
Consideran os populares que o Goberno pretendía impoñer unha repartición forzosa e ilegal que vulnera o principio de igualdade territorial.
A reunión estaba convocada ás 09:30 horas baixo a presidencia da ministra de Mocidade e Infancia Sira Rego e nela non estiveron os conselleiros do PP, incluída a representante da Xunta, a titular de Política Social e Igualdade Fabiola García, sendo Galicia unha das comunidades autónomas que recorreu ante o Constitucional contra o decreto de repartición de menores migrantes.
Asistiron o conselleiro de Ceuta, cidade autónoma gobernada polo PP, e os de Canarias, País Vasco, Navarra, Cataluña e Castela-A Mancha. Tras comprobarse a falta de quóroum, media hora despois da hora prevista para seu inicio suspendeuse a xuntanza.
A idea do Goberno, que xa trasladara ás comunidades autónomas para unha reunión preparatoria, era recolocar uns 3.000 menores migrantes non acompañados desde Canarias, Ceuta e Melilla a outros territorios, a maioría Andalucía, a Comunidade de Madrid e Comunidade Valenciana.
A distancia era tal que se chegaba a esta data sen unha orde do día aprobada, tras ser rexeitada por maioría na Conferencia Sectorial previa, o que para os populares converte en ilegal a convocatoria deste xoves.
"Teño que dicir que non son optimista", aventuraba este mércores o ministro de Política Territorial e responsable da Comisión Interministerial de Inmigración Ángel Víctor Torres.
Ademais dos gobernos do PP, manifestárase tamén en contra o de Castela-A Mancha, que advertía de que a cifra exposta era inasumible co financiamento con que vai ía acompañada.
A cifra total de traslados desde o arquipélago coa que traballa o Goberno é de 3.975, aos que previsiblemente haberá que restar ao redor dun milleiro de Canarias que finalmente serán acollidos pola rede estatal de protección internacional por seren solicitantes de asilo, de acordo coa orde emitida polo Tribunal Supremo o pasado mes de marzo.
Conforme a estes datos, que aínda non teñen en conta este extremo, as comunidades autónomas que máis mozos acollerían serían Andalucía, 677; Madrid, 647 e a Comunidade Valenciana, 571, mentres que Cataluña e Euskadi non terían que acoller a ningún. Aínda así, Cataluña anunciou a súa intención de atender, como mínimo, 31.
"Son persoas que cómpre protexer, non paquetes para repartir", denunciaban no PP, que acusaba o Goberno de utilizar os menores como escudo político cunha repartición deseñada para enfrontar as comunidades entre si ao aplicar criterios arbitrarios, sen consenso e co único obxectivo de excluír da repartición a Cataluña e País Vasco, os seus socios parlamentarios no Congreso.
A previsión do Goberno que ía debater este xoves tamén inclía a repartición do fondo de 100 millóns de euros que prevé o real decreto lei aprobado o pasado 18 de marzo para reformar o artigo 35 da lei de estranxeiría e crear este mecanismo de derivación.
Segundo estes datos, Canarias sería a que máis recursos recibiría, 24.268.200 euros, e despois iría Madrid, con 15.803.550 euros, e Andalucía, con 8.834.850.
Os populares cren que hai un risco real de colapso dos sistemas de protección de menores, que, aseguran, xa funcionan ao límite da súa capacidade, e esixen ao Goberno que se faga cargo de maneira directa e con financiamento propio da atención aos menores non acompañados en situacións de emerxencia como a que atravesan Canarias ou Ceuta ou poidan sufrir outros territorios.
O enfrontamento alcanza tamén os menores solicitantes de asilo, para os que o Goberno anunciou 1.200 prazas de titularidade estatal despois de que o Supremo o obrigou a facerse cargo deles.