Publicador de contidos

Publicador de contidos

UPF pide a intervención da ONU por supostas "irregularidades" na causa contra García Ortiz

UPF pide a intervención da ONU por supostas "irregularidades" na causa contra García Ortiz

Afirma que os feitos observados "non son meros desacordos xurídicos, senón anomalías que comprometen a independencia xudicial, xeran unha aparente falta de imparcialidade e afectan o equilibrio institucional nun Estado de Dereito"

Denuncia que os mesmos xuíces participaron "na admisión das querelas, a valoración inicial de indicios, o control da instrución, a revisión de decisións clave e, finalmente, o axuizamento"

Álvaro García Ortiz, na toma de posesión de Carmen Eiró como nova fiscala superior de Galicia, o pasado 17 de novembro na Coruña (Gustavo de la Paz/Europa Press) Álvaro García Ortiz, na toma de posesión de Carmen Eiró como nova fiscala superior de Galicia, o pasado 17 de novembro na Coruña (Gustavo de la Paz/Europa Press)
G24.gal 05/12/2025 11:52

A Unión Progresista de Fiscais remitiu un escrito a Margaret Satterthwaite, relatora especial de Nacións Unidas para a Independencia de Maxistrados e Avogados, no que denuncia "a sucesión de irregularidades institucionais que se produciron no procedemento penal" contra Álvaro García Ortiz, fiscal xeral do Estado. Este foi condenado no Tribunal Supremo a dous anos de inhabilitación por un delito de revelación de segredos contra a parella da presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso.

Así o comunicou este venres a UPF nunha nota de prensa, en que afirma que os feitos observados "non son meros desacordos xurídicos, senón anomalías que comprometen a independencia xudicial, xeran unha aparente falta de imparcialidade e afectan o equilibrio institucional nun Estado de Dereito". Entre estes feitos, a asociación remarca a "acumulación de funcións decisivas nun círculo reducido de maxistrados".

En concreto, denuncia que os mesmos xuíces participaron "na admisión das querelas, a valoración inicial de indicios, o control da instrución, a revisión de decisións clave e, finalmente, o axuizamento". Así mesmo, os fiscais afean que o fallo condenatorio sobre García Ortiz transcendese "sen motivación" durante semanas. Manifestan que "ningunha xustiza democrática admite que unha persoa sexa declarada culpable sen coñecer os fundamentos xurídicos que o explican". E engaden que isto "afecta directamente ao dereito de defensa, á transparencia e á confianza social nas institucións".

Unha instrución "invasiva"

A UPF tamén denuncia o que consideran "unha instrución con medidas extremadamente invasivas", pois a orde de entrada e rexistro na Fiscalía Xeral do Estado "incluíu o envorcado masivo de datos persoais do investigado durante case oito meses, a pesar de que os feitos investigados limitábanse a 48 horas".

Tamén apuntan a "comportamentos públicos impropios" durante o xuízo e a deliberación. Concretamente, falan de "intervencións en sala incompatibles coa neutralidade" e de "vínculos académicos recentes entre maxistrados e avogados acusadores". Ademais, mencionan a existencia "dun curso remunerado impartido en pleno período de deliberación ante unha das acusacións populares".

Refírense a unha formación do Ilustre Colexio de Avogados de Madrid, acusación popular no xuízo contra García Ortiz, na que participaron os maxistrados Andrés Martínez Arrieta -presidente do tribunal que axuizou ao fiscal xeral-, Juan Ramón Berdugo e Antonio do Moral.

Solicitan que visite España

Por estas razóns, piden a Satterthwaite "que analice os feitos e valore se comprometen a independencia xudicial"; "que inste o Estado español a revisar prácticas que poidan vulnerar estándares internacionais; e "que considere unha visita oficial a España, como prevé o seu mandato, para avaliar o impacto institucional deste caso".

Cabe lembrar que García Ortiz foi presidente da UPF, asociación que está a ser moi contundente na súa crítica ao fallo do Supremo e que reclama que se publique xa a sentenza completa. O pasado 20 de novembro, día en que se coñeceu a condena a García Ortiz, o presidente de UPF, Félix Martín, afirmou nunha entrevista en Cadena SER, recollida por Europa Press, que o Supremo "condenou a un home inocente e que isto vai ter consecuencias profundas para a confianza na xustiza".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade