Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sánchez augura a inocencia de García Ortiz: "O tempo poñerá as cousas no seu sitio"

Sánchez augura a inocencia de García Ortiz: "O tempo poñerá as cousas no seu sitio"

EFE/ Zipi Aragón
G24.gal 25/11/2025 18:54 Última actualización 26/11/2025 10:16

O presidente do Goberno Pedro Sánchez augurou este mércores no seu cara a cara co líder do PP Alberto Núñez Feijóo que o aínda fiscal xeral do Estado Álvaro García Ortiz será declarado finalmente inocente.

"O tempo poñerá as cousas no seu sitio", recalcou aludindo así ao seu convencemento de que prosperará o previsible recurso que se presentará ante o Tribunal Constitucional tras a sentenza de inhabilitación decidida polo Tribunal Supremo, ao que criticou veladamente polo feito de que aínda non se coñeza a integridade da sentenza.

Sánchez respondeu así á pregunta de Feijóo de se vai pedir perdón aos españois por dicir, antes de coñecer a condena a García Ortiz, que alguén debía pedirlle perdón ao fiscal. "Visto o visto, vostede vai pedir perdón?", dixo Feijóo, quen cualificou a situación de "bochorno" e acusou a Sánchez de ser cada vez máis perigoso para a democracia española.

Ante esa pregunta, o presidente do Goberno sinalou que o de pedir perdón por dicir o que un pensa pasaralle ao líder do PP, pero a el non, porque recalcou que "entre a verdade e a mentira, o Goberno vai estar sempre coa verdade". "Entre xornalistas que exculpan no seu testemuño na Sala Segunda do Supremo o fiscal xeral, e o xefe de gabinete da señora Ayuso (en alusión a Miguel Ángel Rodríguez), que di que efectivamente mentiu para propagar un bulo e poder cubrir as vergoñas da parella da señora Ayuso, este Goberno e eu mesmo estamos sempre coa verdade", engadiu.

Ante a decisión do Tribunal Supremo, subliñou que o Goberno acata o fallo. "E digo ben, o fallo, porque a día de hoxe descoñecemos a sentenza do Tribunal Supremo", engadiu criticando así veladamente que aínda non se coñeza a integridade da sentenza. Tras expresar ese acatamento é cando se referiu á existencia en España de sistemas xudiciais garantistas, en referencia ao Tribunal Constitucional e aos tribunais europeos, e dixo que hai moita xente, entre as que el se inclúe, que está convencida de que "o tempo poñerá as cousas no seu sitio". 

Sánchez explicou que o Goberno fixo o que lle corresponde, substituír o fiscal xeral e nomear a Teresa Peramato como substituta. Unha muller que dixo que ten unha dilatada traxectoria, recoñecida, independente, rigorosa e feminista. Feijóo reprochoulle que o que fixera era dicirlle ao Supremo o que tiña que sentenciar e ao fiscal como ten que recorrer.

Se España estivese nunha situación normal, agregou, Sánchez "respectaría os xuíces, cousa que non fai", xa que "lle chama mentireiro" ao Tribunal Supremo. Tras asegurar que o presidente do Goberno está no Congreso "de corpo presente", porque "a súa mente tena ás portas do Tribunal Supremo", lamentou que non lle preocupe que decaia o teito de gasto, senón "que se volvan a abrir as portas da prisión para que entre algún dos seus". "Sabe unha cousa? Vai rodar algún día unha serie de televisión sobre os seus anos de presidente e titularase Anatomía dun farsante", dixo Feijóo.

Sánchez asegurou que o líder do PP non é un bo parlamentario non pola forma en que di as cousas, senón porque non propón nada, e dirixiuse a el para garantir que a esquerda non pide nin perdón nin permiso para gobernar. Ademais, criticou a relación política de Feijóo coa presidenta da Comunidade de Madrid, Isbabel Díaz Ayuso. "Entendo -dixo- que vostedes teñan que apoiar á señora Ayuso. En definitiva, o primeiro punto do contrato que asinou con ela é obediencia cega".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade