As comunidades deseñan un sistema sentinela que asimilaría a covid a unha infección respiratoria común
As comunidades deseñan un sistema sentinela que asimilaría a covid a unha infección respiratoria común
Galicia pide unha desescalada suave e medida que teña en conta as diferenzas territoriais
Esta tarde hai Consello Interterritorial de Saúde; mañá, Comisión Nacional de Saúde Pública. Con bos datos epidemiolóxicos sobre a mesa, o diálogo entre Goberno e comunidades céntrase neste momento en como xestionar a saída desta sexta onda e como acomodar o modelo de vixilancia a unha poboación que grazas ás vacinas ten xa un risco moi baixo de padecer enfermidade grave por covid.
A posición do Servizo Galego de Saúde é que esa transición se faga dun xeito moi medido. Aos técnicos de Saúde Pública de Galicia, por exemplo, parécelles prematura a proposta dos pediatras de retirar a máscara nas aulas dos primeiros cursos de primaria. Admiten que coas boas incidencias se abre unha fase de transición, pero queren facela paso a paso e con todas as garantías.
"Saúde Pública de Galicia o que ten claro é que necesitamos adaptar esa situación á nosa realidade. Todas as comunidades autónomas, zonas e rexións teñen poboacións diferentes cun espectro de poboación máis ou menos vella, coa capacidade sanitaria máis concentradas en certas zonas ou máis dispersa...", explica Olaia Pérez, epidemióloga da Dirección Xeral de Saúde Pública.
As comunidades están xa mans á obra para deseñar para covid un modelo de vixilancia similar ao sentinela da gripe.
"A vixilancia sentinela no que se basea é en coller unha mostra da poboación a nivel comunitario, unha mostra a nivel de casos graves nos hospitais e ver os perfís e o que esta pasando. E debemos intentar facelo dunha forma coordinada a nivel europeo para manexar despois indicadores similares".
Nun momento en que a poboación europea está vacinada e protexida contra a enfermidade, o novo modelo tratará de minimizar impactos.
"Se o impacto hospitalario e de mortes non é o mesmo as medidas non poden ser as mesmas. E a saúde engloba outros aspectos da nosa vida, que debe ser plena para ter unha saúde plena a nivel físico, emocional e social".
O deseño do modelo que asimile o seguimento da covid como unha infección respiratoria común pode levar semanas. Cadra cunha mensaxe da OMS. O seu director xeral pide que Europa, coas mellores taxas de vacinación, non perda a oportunidade de axudar os 116 países que quedaron atrás coas vacinas.