"Tardes de fío" xunta en Vigo a bordadoras que comparten o saber e os seus labores
Afeitas a coser maiormente na soidade nas súas casas esta xuntanza mensual resúltalles inspiradora e mesmo terapéutica
"Tardes de fío" é unha reunión de homes e mulleres que comparten o seu coñecemento como bordadoras, tecedoras ou palilleiras ao tempo que desfrutan da compaña das outras.
Afeitas a coser maiormente na soidade nas súas casas esta xuntanza mensual resúltalles inspiradora e mesmo terapéutica. Comparten a filosofía de crear un téxtil artesán, diferente e afastado do que propoñen as grandes marcas.
No soto do café Uf en Vigo celebran a última xuntanza da tempada de "Tardes de fío".
Aquí tecen, bordan, fan gancho, cosen e ata fan encaixe de palillos. A cara B de compor o labor en soidade é arrimarse ás outras, compartir un saber que se estaba perdendo nesta era do téxtil en serie.
"Eu si sabía porque aprendérao todo da miña nai pero non lle vía futuro. Pero cando estiven vivindo en Inglaterra vin que alí había un espertar de todas estas cousas, unha tendencia. Así que decidinme e dixen: eu teño que facer algo", explica a TVG Eugenia Camiña, a creadora de "Tardes de fío.
"O obxectivo é facer comunidade. Entón é unha forma de coñecernos e tamén compartir trucos. Realmente practicando este tipo de actividade empezas a valorar o que custa e o tempo que leva a confección dunha prenda de roupa.", engade Vanesa Alonso, a outra credora de "Tardes de fío".
"Sempre aprendes coas compañeiras e miras tamén o que elas están facendo. E é enriquecedor", confesa Carmen Iglesias, unha muller que acode a "Tardes de Fío".
"É terapéutico e á vez é moi creativo. Porque dun traballo que ti esteas vendo, doutro labor, ti enriquéceste. E á vez esa persoa tamén se enriquece do teu traballo. E xorden así conexións entre artesáns que son unha pasada", di Héctor Galván, o único palilleiro que acode a "Tardes de Fío".
"Tardes de fío" medra cunha mestura moi fermosa do saber antigo, dos labores do pasado coas mans de tecelás, bordadoras, palilleiras de vangarda, as novas postmodernas de Vigo.