As chuvias e os ventos fortes estragan cultivos e invernadoiros no Salnés
Moitos campos quedaron anegados e os refachos arrincaron plásticos que cubrían cultivos
Perdéronse leitugas que xa estaban sementadas e vaise atrasar a campaña do pemento de Padrón
As constantes chuvias das últimas semanas fixeron rebordar ríos como o Umia o que deixou inservibles moitos cultivos na comarca do Salnés.
"Houbo perdas porque aquí tiña 24.000 leitugas e estivo un día enteiro un metro de aga enriba delas. Está toda perdida", explica Alberto Amil, o presidente da coopertaiva Horsal.
Tamén os fortes ventos causaron estragos, sobre todo nos invernadoiros.
"Voaron moitos plásticos. E un invernadoiro aquí dun socio que tiña o plástico acabado de poñer e debeu ser un tornado que o colleu e esmagoullo".
Cos invernadoiros estragados perdéronse os cultivos que estaban sementados como as leitugas e atrásanse outros que habían de sementarse estes días como os pementos de Padrón.
Os produtores non conseguen arranxar os estragos tan axiña como precisan porque as empresas especializadas nos invernadoiros non dan feito con todos os estragos que hai na zona.
"Entre os plásticos que voaron e que non paran de entrar outros temporais non poden ir reparalos".
O mal tempo tamén está a atrasar a colleita de aguacates no Salnés porque esta froita non se pode recoller húmida porque podería estragarse despois nos almacéns.