As borrascas afunden os negocios que viven das terrazas
Os establecementos de hostalaría con máis mesas no interior ca fora sofren as consecuencias desta chuvia continua
O hostaleiros seguen a montar as terrazas malia que este inverno semella estar contra eles. Pero a esperanza non se perde.
Nadia Tato, da cafetería O Cañaveral conta que "a xente non se anima moito, o único que saia un día de sol, que aquí en Galicia con un pouquiño de sol poñémonos en todas partes..., pero hai que montar igual".
Sensación que comparte Francisco Cuña, do Café Don Gregorio que di con retranca que "algún día parará de chover, pero si que nos afecta aos que vivimos das terrazas, estes meses foron negativos, moi moi negativos".
No caso dos locais con mais mesas fora ca dentro o problema é maior, como conta Lorena Coira, da Pastelería Sémola: "a xente está cansa e ten ganas de saír, pero o tempo non dá tregua, e o establecemento dentro é mais pequeno, temos as mesas cheas, pero o espazo de fóra vén tamén moi ben para aproveitar".
A xente bota en falta as terrazas e o bo tempo, e son conscientes de que o tempo condiciona o ocio... e a economía. Moitos quedan na casa, e outros buscan as terrazas máis cubertas.
A imaxe que ofrecía hai xusto un ano a Porta do Sol en Vigo en Vigo era ben distinta a de agora, con terrazas cheas de xente aproveitando o tempo solleiro. Os hostaleiros, igual ou máis ca os agricultores, miran ao ceo.
Recoñece Nadia Tato que "o Nadal foi moi longo e a xente xa non ten cartos, a verdade é que está moi frouxiño"; Francisco Cuña recoñece que "dependemos do tempo, xa parará, e tamén cando fai bo saímos beneficiados, entón unha cousa pola outra...".
E se non hai clientes, o tempo afecta tamén as mercadorías e a produción, para non ter que tirar o que non se vende.