As bolsas buscan este martes o rebote coa vista posta nos bancos centrais
Comezaron a semana con perdas xeneralizadas polo temor a unha recesión
Medios estadounidenses avanzan que a Reserva Federal podería subir os tipos máis do previsto, 0,75 puntos
Os datos económicos non invitan ao optimismo. Coa inflación máis alta en 40 anos, hai temor a unha recesión. E as principais bolsas de todo o mundo están reaccionando con fortes caídas. En Wall Street, varios dos índices baixaron arredor dun 4 % e as bolsas europeas, incluída a madrileña, caeron de media un 2 e medio por cento.
Tamén preocupa a reunión da Reserva Federal. Varios medios económicos apuntan a que podería subir aínda máis o prezo dos cartos, 0,75 puntos, unha cifra que ninguén contemplaba ata o momento.
En Europa o Banco Central tamén confirmaba o xoves que comeza en xullo coas subas de tipos e só dende ese anuncio o IBEX acumula un retroceso de máis de sete puntos.
O temor a unha recesión tradúcese en desconfianza a todo tipo de investimentos, incluída a débeda pública. O bono español está en novos máximos dende 2014. E a prima de risco subiu con forza de 75 a 130 puntos básicos.