As autoridades sanitarias confían en reducir a presión asistencial coas novas medidas
Inciden na importancia de diferenciar os pacientes en risco dos que só necesitan vixilancia
Os contactos vacinados sen síntomas xa non terán baixas
As autoridades sanitarias confían en que a presión nos centros de saúde se alivie grazas aos novos protocolos. Os recursos vanse centrar sobre todo nas persoas máis vulnerables.
Diferenciar os que realmente están enfermos ou en risco e precisan atención dos que só precisan precaución e vixilancia. É o propósito dos novos protocolos fronte a covid aprobados na Comisión Nacional de Saúde Pública coa unanimidade de todas as Comunidades Autónomas e co visto e prace dos técnicos.
"Ante a avalancha de casos as autoridades empezan a falar de pasar dunha fase de contención a unha fase de mitigación,e isto significa que asumiremos que seguirá habendo moita transmisión pero que nos centraremos en protexer os máis vulnerables, os que poden enfermar gravemente", asegura Quique Bassat, epidemiólogo.
Aínda máis. Se como parece, nas próximas se confirma que ómicron causa menos enfermidade grave, algúns epidemiólogos fala de dar o paso cara á fase seguinte.
"Cara a unha estratexia de danos mínimos que implicaría non tanto ter que detectar todas as novas infeccións -agora mesmo por exemplo coa gripe non testamos a todo o mundo que sospeitamos que ten gripe- senón que se centraría en protexer os máis vulnerables", afirma Bassat.
O cambio de estratexia tamén é ben asumido en xeral polos traballadores sanitarios de atención primaria, que cren que o sistema non se pode colapsar con enfermos que están leves.
"Tanto o autodiagnóstico como o autocoidado nos casos leves é evidente que é necesario. A xente segue enfermando doutras cousas. Nós esta semana seguimos tendo unhas listaxes enormes, 50 ou 60 pacientes por día, algúns con outras patoloxías importantes. E todo isto está pasando mentres está o teléfono soando sen parar, e moitas veces para dúbidas de persoas que ata son asintomáticas. Ben, temos que ir encaixando todas estas cuestións", di Carlos Eirea, vicepresidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria.
As medidas veñen tamén para desafogar o sistema socioeconómico. Os contactos vacinados sen síntomas xa non terán baixas. Iso si, os expertos piden manter a máscara as medidas restritivas actuais ata que a onda se aplane e descenda, para non estresar máis o sistema de saúde.