As altas temperaturas das augas atraen ata Galicia especies mariñas de latitudes máis cálidas
Foi no interior da dársena do porto de Malpica onde foron avistados os dourados comúns. Preguntamos na lonxa. Tamén ás persoas que adoitan pescar no peirao. Mais semella que ninguén volveu velos. Pode que se trate dunha aparición puntual, sinalan. O certo é que o video publicado fai referencia a cinco exemplares de cores chamativas. O seu nome científico é Coryphaena hippurus, unha especie propia de augas tropicais e subtropicais.
Non foi o único caso. Nos últimos días nas praias deixáronse ver carabelas portuguesas e tamén medusas. Así lucía este xoves á tarde a praia de Canido de Malpica. Na area apenas quedaban pegada dos milleiros de medusas que apareceran o día anterior.
Desde o Centro Oceanográfico de Vigo, a investigadora Eva Velasco en declaracións ao xornal dixital de divulgación científica e tecnolóxica GCiencia apunta ás temperaturas anormalmente altas da auga como unha das causas destes episodios na costa galega.