Feijóo anuncia que Sánchez será citado este mes na comisión de investigación do caso Koldo no Senado
Feijóo anuncia que Sánchez será citado este mes na comisión de investigación do caso Koldo no Senado
"Vostede é o máximo responsable; está tan pringado coma eles", afirma o presidente do PP
Sánchez replica: "Ánimo, Alberto"
A Xunta de Portavoces acordou pospoñer a este mércores a votación sobre o embargo de armas a Israel
Poden seguir a sesión en G24.gal

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, terá que comparecer este mes de outubro na comisión de investigación do caso Koldo creada no Senado. Será citado esta mesma mañá, segundo avanzou na sesión de control ao Goberno celebrada no Congreso o presidente do PP, Alberto Núñez Feijoo.
"Acabouse a fuxida", asegura Feijoo. "O problema non é que estea rodeado de corrupción. Vostede é o máximo responsable de todo. Está tan pringado coma eles".
Sánchez responde cun escueto: "Ánimo, Alberto" a este anuncio realizado polo presidente do PP na sesión de control do Congreso.
Feijóo iniciou o cara a cara asegurando que un presidente "limpo e decente" debería ter ido á sede do PSOE para preguntar de onde saíron os billetes de 500 euros, as "chistorras", facendo referencia ao informe da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil publicado a semana pasada que detectou "desembolsos" de 95.437 euros do exdirixente do partido José Luis Ábalos que provirían de "ingresos non declarados", segundo apunta o texto.
Sánchez respondeulle que a páxina 28 deste informe demostra que as acusacións son "absolutamente falsas" e recomendoulle elixir ben as súas batallas porque "para sobrecolledor o Partido Popular".
Tras meses suxerindo que Sánchez ía ser citado, fontes de Xénova sinalaron este mércores que agora "é o momento" de que o presidente compareza despois de que declaren no Supremo o exministro Ábalos e o seu asesor, Koldo García, e antes de que sexa xulgado en novembro o fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz.
Feijóo fixo este anuncio un día despois de coñecerse que Sánchez comparecerá na comisión de investigación da dina no Congreso dos Deputados para falar sobre a fase de reconstrución.
A Comisión Koldo do Senado investiga o presunto caso de corrupción en contratos públicos de máscaras durante a pandemia, centrado no exasesor Koldo García e a súa contorna.
Creada hai ano e medio, ata o de agora interviñeron máis dun centenar de persoas, entre cargos públicos, empresarios e funcionarios vinculados aos contratos investigados, entre eles Ábalos e o exsecretario de organización do PSOE, Santos Cerdán, ademais de altos cargos do Ministerio de Transportes, representantes de Adif, Portos do Estado e empresas provedoras implicadas.