A Constitución conmemora os seus 47 anos coa crispación política de fondo
A presidenta do Congreso, Francina Armengol, avogou por adaptar a Carta Magna á "diversidade" territorial
Nos actos conmemorativos non participaron representantes de Vox, Junts, ERC, EH Bildu, PNV e BNG
Sánchez pide paciencia con Junts e Feijóo nega conversas para una moción de censura coa formación independentista
A Constitución española celebrou o seu 47º aniversario este sábado nas Cortes Xerais coa tradicional recepción de autoridades no Congreso dos Deputados pero baixo un clima de crispación política e coa campaña electoral estremeña de fondo.
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez; a presidenta do Congreso, Francina Armengol; o presidente do Senado, Pedro Rollán, xunto con outras autoridades do Estado, representantes parlamentarios e membros da sociedade civil congregáronse na Cámara Baixa para conmemorar a data.
A celebración comezou ás 10:30 horas na carreira de San Jerónimo, co izado da bandeira nacional para, a continuación, dar paso ao recibimento das persoas convidadas no Salón dos Pasos Perdidos.
Despois, alumnado de primaria de distintas nacionalidades europeas leu varios artigos da Constitución en diferentes idiomas e a presidenta da Cámara pronunciou o tradicional discurso conmemorativo.
O alumnado de primaria que leu os artigos da Constitución
Adaptar a Constitución á "diversidade" territorial
Francina Armengol avogou por adecuar a Constitución á "diversidade" territorial de España, para facer dela un texto do século XXI, e por incorporar novos dereitos e liberdades.
Durante a súa intervención, sinalou que as leis son da cidadanía, que "emanan da vontade popular e as súas necesidades" e que se "transforman" segundo avanza a sociedade á que representan.
Lembrou, neste sentido, que só a través de acordos e do consenso se pode chegar a propostas que beneficien á maioría. Un consenso que puxo en valor como símbolo da Transición, cando Europa era "un porto" e a promesa da estabilidade á que aspiraban os españois.
Charlas informais
Neste escenario, como é costume, repetíronse as charlas informais entre invitados e xornalistas, nun ambiente marcado polo bloqueo parlamentario tras a ruptura de Junts co PSOE e os casos de corrupción polos que o PP pide unha convocatoria electoral.
Ademais do presidente do Goberno e o groso do seu Gabinete ministerial, asistiron integrantes das Mesas do Congreso e do Senado, o líder da oposición e representantes do Poder Xudicial.
A maioría dos mandatarios autonómicos tamén acudiron e, neste marco, estreouse o novo titular da Comunidade Valenciana, Juanfran Pérez Llorca.
Porén, un ano máis, non participaron representantes de Vox, Junts, ERC, EH Bildu, PNV e BNG.
Desfile ás portas da Cámara Baixa
Declaracións políticas
O cruzamento de reproches entre o Goberno e o principal partido da oposición estivo marcado pola crise aberta no Hospital de Torrejón de Ardoz, as denuncias de acoso sexual contra o exdirixente socialista Paco Salazar e a intención de Sánchez de esgotar a lexislatura.
Sánchez reivindicou a protección da saúde pública que recolle a Constitución fronte "aos recortes, os aumentos da lista de agarda e tamén as privatizacións" do PP alá onde goberna, en alusión a casos como o do Hospital de Torrejón.
Posteriormente, nunha charla informal coa prensa, ofreceu a axuda e o apoio do seu partido ás dúas denunciantes de Salazar se deciden levar o caso á Fiscalía.
Sánchez fixo referencia por primeira vez a este caso, recoñeceu o "erro" do PSOE pola tardanza na comunicación coas denunciantes, pero negou que fora premeditada e que a formación protexera o exasesor.
Sobre este asunto tamén falou Feijóo, para quen Sánchez "sabía" o que ocorría pero "tapouno", e agregou que as actuacións denunciadas son punibles ademais de machistas.
As relacións con Junts e a moción de censura
En canto á relación con Junts tras a súa ruptura co PSOE, o presidente do Goberno asegurou que non hai contactos para recompoñer a relación, malia as últimas decisións destinadas a cumprir os acordos con esta formación.
Sánchez pediu paciencia e volveu deixar clara a súa determinación de esgotar a lexislatura.
Tamén Feijoo se referiu a este asunto para arremeter contra Junts chamando a formación independentista "clínex" do Goberno, por non conseguir a maioría das súas peticións, dixo, e agora estar nerviosa pola ruptura co seu electorado.
Ademais, negou que estea en conversas co partido catalán para levar a cabo unha moción de censura e afirmou que Pedro Sánchez só convocará eleccións cando "non poida evitalas".
Pontes rotas entre Ayuso e Mónica García
Máis aló de Sánchez e Feijóo, as protagonistas da mañá foron a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, e a ministra de Sanidade, Mónica García, que se enfrontaron a conta da nova crise da sanidade en Madrid.
En círculos coa prensa, Ayuso afanouse en defender que, malia o ocorrido no Hospital de Torrejón, non hai motivos para cuestionar o sistema sanitario madrileño. Insistiu en restarlle importancia ao caso e falar de "leas" entre directivos.
García cuestionou o modelo de xestión privada dos hospitais madrileños e asegurou que o sucedido neste centro é só un exemplo pequeno dun sistema construído para facer negocio.
Mensaxes en redes
O rei Filipe VI lembra nesta xornada, a través da rede social X, os dous primeiros artigos da Carta Magna, que ao seu inicio inciden en que España é un Estado social e democrático de Dereito e que a súa forma política é a da Monarquía parlamentaria.
A Casa real deséxalle un "feliz día da Constitución" a toda a cidadanía e lembra que o texto se fundamenta "na indisoluble unidade da nación española" e "recoñece e garante o dereito á autonomía das nacionalidades e rexións que a integran".
Tamén en redes sociais, o presidente do Goberno felicita a poboación nesta data e pide que se cumpra a Constitución para avanzar en igualdade e xustiza social.
"Hoxe celebramos 47 anos de democracia, liberdade, dereitos e convivencia. Cumprir coa Constitución é o mellor camiño para avanzar cara a un futuro de igualdade e xustiza social, con servizos públicos fortes que melloren a vida da xente", recalca Pedro Sánchez en X.
Pola súa banda, o líder da oposición Alberto Núñez Feijóo, asegura na mesma rede social que defender a Carta Magna "é tamén coñecela" polo que propón o ensino na escola dos seus valores e principios "sen ideoloxías".
A través dun vídeo, lembra que toda a cidadanía é igual ante a lei, que España constitúese como un Estado social e democrático e de Dereito e que a Constitución recoñece a liberdade de ensino.
Para o presidente da Xunta, este 6 de decembro conmemórase o acordo que fixo posible "a nosa convivencia en liberdade, estabilidade e progreso".
Nunha mensaxe en X, Alfonso Rueda afirma que a Constitución Española recoñece a diversidade territorial e garante "o noso autogoberno".
Galicia, asegura o mandatario, seguirá defendendo unha España plural e con dereitos para todos.