Publicador de contidos

Publicador de contidos

Feijóo di a Sánchez que merecería estar sentado no banco en que está Ábalos

Feijóo di a Sánchez que merecería estar sentado no banco en que está Ábalos

O segundo feito ao que se referiu é a folga de médicos, da que dixo que Sánchez é o responsable a pesar de que considerou que nin sequera sabe por que hai esa mobilización dos facultativos

G24.gal 29/04/2026 08:20 Última actualización 29/04/2026 15:07

O presidente do Goberno Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feijóo encerelláronse este mércores nun debate sobre a sanidade pública salpicado con acusacións do líder do PP ao xefe do Executivo que o levaron a asegurar que merece estar sentado no banco no que está José Luis Ábalos.

Sánchez e Feijóo protagonizaron un cara a cara no Congreso que o presidente do PP iniciou cualificando de horribles as imaxes do Comité Federal do PSOE de 2016 pola presunta fraude electoral que houbo nel, que, dixo, foi o preludio de toda a carreira política do xefe do Executivo. Desde entón, subliñou, non parou de perder eleccións, goberna sen maioría e sen orzamentos e non ten ningún respecto á democracia.

Ademais, resaltou que nesta xornada coinciden dous fitos: o primeiro deles, que o exministro José Luis Ábalos está sentado no banco. "O xuízo a Ábalos é un xuízo ao seu Goberno. Só por iso -apostilou- merecería estar vostede sentado alí". O segundo feito ao que se referiu é a folga de médicos, da que dixo que Sánchez é responsable a pesar de que considerou que nin sequera sabe por que hai esa mobilización dos facultativos.

Ante iso, Sánchez lembrou que o seu Goberno deu 300.000 millóns de euros máis ás comunidades autónomas ca os que deu o Executivo de Mariano Rajoy para financiar os servizos públicos, entre eles a sanidade. Para o presidente do Goberno, PP e Vox engordan as listas de espera da sanidade pública para facer negocio na sanidade privada.

Sánchez lembrou que a pregunta presentada por Feijóo quería saber a que intereses serve o Goberno e explicou que serve aos españois creando postos de emprego, subindo as pensións, rebaixando os prezos da enerxía e defendendo o respecto do dereito internacional e que se rompa o acordo de asociación entre a UE e Israel.

"O que estamos a facer é defender e servir o sentido común e os dereitos humanos no noso país e no planeta. Servir á maioría social deste país, e iso fixémolo sempre co seu voto en contra ou poñéndose de perfil", engadiu antes de insistir en que o Goberno serve á maioría e o PP aos de sempre, "á elite deste país".

Feijóo insistiu coa situación da sanidade preguntando se se vai reunir cos médicos e asegurando que se incrementaron as listas de espera en dous millóns de persoas, e recalcou que non se pode lexislar contra os médicos á vez que se defende á sanidade pública. Ademais, aproveitou para lembrar o apagamento eléctrico de hai un ano e o accidente ferroviario de Adamuz o pasado mes de xaneiro.

A esa intervención, o presidente do Goberno volveu responder defendendo a xestión do seu Executivo en materia de sanidade e lembrando o investimento en maquinaria e equipamentos, a eliminación de copagamentos ou a recuperación da universalidade da sanidade pública, algo que lamentou que o PP queira crebar cos seus acordos con Vox.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade