Arquivan a denuncia de Begoña Gómez contra Vito Quiles
A muller do presidente acusouno de acosala á saída dun restaurante en Madrid
O xuíz di que non atopou indicios de delito
Imaxe de arquivo do axitador Vito Quiles. Fernando Sánchez / Europa Press
O xuíz arquivou a denuncia da muller do presidente do Goberno, Begoña Gómez, contra o axitador Vito Quiles polo incidente rexistrado o pasado 30 de maio nun restaurante de Las Rozas.
O maxistrado considera que tras o visionado das imaxes achegadas á causa "non se puideron acreditar feitos que posúan relevancia penal" xa que "nas gravacións non se aprecian as condutas denunciadas".
A denuncia foi presentada por Begoña Gómez despois de que Quiles lle impedise saír dun restaurante, onde a localizara, e onde, sostiñan fontes da contorna de Gómez, a acosou con preguntas de maneira agresiva, impedíndolle a saída do local mentres a gravaba.
"O visionado achegado non acreditou que existise tal zarandeo ou que rodease a denunciante co brazo", como denunciaba a muller do presidente, senón que entra no local coa intención de dirixirse a ela "con multitude de cuestións sen esperar respostas, pero a denunciante abandona de inmediato o local e é a súa amiga quen aparta o denunciado".
Respecto da denuncia desa amiga sobre unhas lesións que tería sufrido a mans do denunciado, "tras o visionado das gravacións" remitidas pola Policía "non se puido acreditar a existencia obxectiva de tales lesións", indica o maxistrado no auto.
O propio Quiles colgou nas súas redes un vídeo editado no que non se vía nada do ocorrido no interior do establecemento hostaleiro, senón só do altercado que protagonizou posteriormente cando Gómez finalmente logrou abandonar o local.
Neste vídeo vese como o axitador non deixa de facerlle preguntas en voz alta sobre a súa asesora na Moncloa ao tempo que a persegue sen descanso, pese a que ela trata de evitalo mentres fala por teléfono.
Dúas mulleres e un home que acompañan a Gómez intentan que deixe de gravar e, segundo se aprecia no vídeo editado por Quiles, finalmente unha delas ínstao a quitar "esa merda" en referencia á cámara que está usando para finalmente suxeitarlle o pescozo polas costas, ao que el responde "que non me pegues" e "para".