Publicador de contidos

Publicador de contidos

O exilio cubano en Miami celebra a imputación de Raúl Castro

O exilio cubano en Miami celebra a imputación de Raúl Castro

Cuba advirte de que os Estados Unidos non teñen lexitimidade nin xurisdición para imputar o presidente 

G24.gal 21/05/2026 14:39

O exilio cubano celebra a imputación do expresidente Raúl Castro nos Estados Unidos, que o acusa de asasinato. Os que tiveron que abandonar a illa están moi expectantes ante os posibles pasos que poida dar agora o Goberno estadounidense. Miami é considerada a capital dese exilio cubano.

Mentres o Goberno de Cuba nega as acusacións e di que foi un acto de autodefensa. Advirte que os Estados Unidos non teñen lexitimidade nin xurisdición para imputar a Castro. E advirten de que non quedarán impasibles se intentan unha manobra como a levada a cabo con Maduro.

"Que quede claro que calquera intento para realizar unha acción contra estes compañeiros dentro de Cuba se atopará cunha resistencia feroz", di o viceministro de Asuntos Exteriores de Cuba, Carlos Fernández de Cossío.

Nun claro sinal de advertencia Trump xa enviou portaavións a augas do Caribe.

"Eles pensan que poden facerlle o mesmo que a Maduro, pero o presidente venezolano foi traizoado internamente. Aquí non vai pasar iso". "O país nunca se lles vai entregar", comentan varios veciños da Habana.

Reacción moi distinta ao outro lado do estreito de Florida, onde o exilio cubano celebra a imputación.

"Pasou con Maduro e non houbo vítimas. Iso pódese facer en Cuba", comenta un exiliado cubano en Miami.

Esta crise política súmase á crítica situación económica que enfronta a illa, agudizada polo bloqueo enerxético imposto por Washington. O Goberno cubano confirmou a semana pasada que se esgotaron as reservas de combustible. 

A falta de combustible disparou os apagamentos en todo o país, especialmente na Habana, onde os cortes de luz se prolongan ata máis de 20 horas diarias, o que motivou varios actos de protesta nos últimos días. Unha illa ás escuras que agrava aínda máis unha situación xa deteriorada pola falta de alimentos e medicamentos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade