Unha nova máquina permite a unha adolescente saír á rúa cun corazón artificial
É a primeira doente española que proba este dispositivo á espera dun transplante
O peso máis lixeiro mellora a mobilidade e permite facer vida normal
Só 80 pacientes en todo o mundo dispoñen dunha máquina como esta
Arena, de 13 anos, ten implantado un corazón artificial. Despois de 6 meses ingresada, saíu do hospital La Paz de Madrid grazas a este dispositivo. Esta máquina de asistencia ventricular permite que o seu corazón bombee o sangue.
"É unha asistencia externa que recolle o sangue do ventrículo esquerdo e impúlsao cara á arteria aorta, e deste xeito permite manter as funcións do corazón", explica Álvaro González, cirurxián cardíaco do Hospital La Paz
O normal é que as máquinas coma esta pesen arredor de 80 quilos, o que limita a mobilidade dos pacientes, pero este novo dispositivo é moito máis lixeiro.
"De feito pasa de ser como un carro da compra cheo a unha maleta de cabina, e de ter 80 quilos a pesar só 9, o que facilita moito a mobilidade do paciente", asegura Juan José Menéndez, médico do Hospital La Paz.
"Foi un cambio bastante grande, a outra era moi grande e non se podía mover moi ben”, di Arena despois de saír do hospital.
Só 85 pacientes de todo o mundo teñen un dispositivo como o que leva Arena. Grazas a el, pode facer vida normal. Seguirao levando ata que poidan implantarlle un corazón que latexe por si mesmo.