Arde un microbús na AP-9 á altura de Vilaboa
Os bombeiros extinguiron o lume sen que se producisen danos persoais
O incidente obrigou a cortar temporalmente o tráfico mentres os serizos de emerxencia traballaban na extinción do lume
Esta medianoite producíase un accidente na autoestrada do Atlántico. Foi no quilómetro 142, á altura de Vilaboa. Por razóns que non transcenderon, ardeu un microbús. Os bombeiros extinguiron o lume sen que se producisen danos persoais.
Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a intervención da Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros do Morrazo e os servizos de mantemento. Así mesmo, tamén interviñeron medios do distrito forestal da zona, dependente da Consellería do Medio Rural, xa que o lume afectou a unha zona de vexetación próxima á vía.
O incidente obrigou a cortar temporalmente o tráfico dirección Santiago mentres traballaban os servizos de emerxencia, pero restableceuse ao pouco tempo por un dos carrís. No interior do microbús viaxaban 24 persoas que viñan de ver o partido do Celta en Balaídos.