Arde por completo unha vivenda de veraneo en Baiona
Trátase dunha edificación prefabricada que quedou totalmente destruída polas lapas
Non houbo danos persoais porque no momento do sinistro estaba deshabitada
Arde por completo unha vivenda de veraneo en Baiona. Trátase dunha edificación prefabricada, de madeira, situada na parroquia de Baredo, na estrada que vai en dirección á Guarda a tan só un quilómetro de cabo Silleiro.
O lume declarouse contra as 21.15 por causas que aínda se descoñecen. Para sufocalo foron necesarias tres dotacións de bombeiros que remataron coa súa extinción pasadas as once da noite.
No sinistro non houbo danos persoais, xa que a vivenda estaba deshabitada, pero toda a estrutura está colapsada, como explica Óscar Arévalo, xefe do servizo de emerxencias no Val Miñor.
Segundo o xefe do servizo de emerxencias do Val Miñor, as lapas víanse en toda a comarca, xa que "había moito material combustible" e "con moitas liñas de ataque conseguiuse sufocalo".
As forzas de seguridade investigan se o lume puido ser ou non intencionado.