Publicador de contidos

Publicador de contidos

Aprobada a lei de seguros de automóbiles, que mellora as coberturas e as indemnizacións

Aprobada a lei de seguros de automóbiles, que mellora as coberturas e as indemnizacións

A norma amplía o seguro obrigatorio a unha maior variedade de vehículos, como os patinetes eléctricos

G24.gal 23/07/2025 08:50

O Congreso aprobou este martes a lei de seguros de automóbiles, unha norma que amplía o seguro obrigatorio a unha maior variedade de vehículos, como os patinetes eléctricos, e mellora as indemnizacións ás vítimas de accidentes de tráfico.

A aprobación desta norma, que traspón unha directiva europea sobre responsabilidade civil na circulación de vehículos, aproveitouse para eximir de tributar polo IRPF en 2025 aos perceptores do Salario Mínimo Interprofesional (SMI).

Segundo o Ministerio de Economía, esta lei establece unha definición máis clara e ampla dos vehículos que deben dispoñer de seguro obrigatorio de responsabilidade civil.

Ademais, mellora o sistema de valoración das indemnizacións por danos persoais e dá máis seguridade ás vítimas de accidentes en caso de insolvencia por parte das entidades aseguradoras.

Durante o pleno extraordinario, os grupos do Goberno, PSOE e Sumar, confirmaron o seu apoio á norma, que modifica a Lei sobre responsabilidade civil e seguro na circulación de vehículos de motor e a lei de ordenación, supervisión e solvencia das entidades aseguradoras e reaseguradoras.

O PP, pola súa banda, sinalou que, a pesar de non estar de acordo con que a lei introduza cuestións alleas, non obstaculizaría unha norma que beneficia as vítimas de accidentes de tráfico.

Os seguros dos taxistas

Con esta norma, tamén se introduciu maior información e control sobre as primas que se cobra aos taxistas por aseguraren os seus vehículos, que, segundo o sector, se dispararon.

O portavoz de Economía de Sumar, Carlos Martín, indicou que o seu grupo está orgulloso de que se conseguiu introducir na lei esa esixencia de maior información e control ás aseguradoras, aínda que lamentou non poder fixar uns prezos máximos para as primas de seguros que pagan os taxistas ao non ter suficiente apoio na Cámara.

Tamén a deputada de Podemos Martina Velarde dixo que se podería poñer fin na norma ao abuso das aseguradoras cos taxistas, pero non foi así porque non prosperaron as emendas que presentou a súa formación para limitar os prezos das pólizas destes profesionais e garantir que atopen un seguro alcanzable fronte aos altos prezos que lles piden as compañías.

O proxecto de lei recibiu o voto en contra de Vox, que xustificou o seu rexeitamento á norma en que foi utilizada polo Goberno para coar emendas intrusas, como a da exención de tributación do SMI no IRPF tras a súa subida, a devolución aos mutualistas das cantidades aboadas de máis ou a cláusula de actualización de entregas a conta ás comunidades autónomas.

O deputado do PP Ángel Ibáñez sinalou que o seu grupo non ía ser un obstáculo para que unha lei que protexe as vítimas de accidentes de tráfico se aprobase, aínda que dixo que a norma chega tarde e mal e que o Goberno a tivo conxelada ata que lle serviu para cumprir coas esixencias dos nacionalistas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade