Publicador de contidos

Publicador de contidos

Aparece morto o home detido o venres en relación con tres agresións sexuais no Milladoiro

Aparece morto o home detido o venres en relación con tres agresións sexuais no Milladoiro

Fontes próximas apuntan a que non hai indicios da participación doutras persoas

Os axentes descubriron que o sospeitoso se desprazou expresamente desde outra provincia para cometer as agresións e, tras iso, regresaba ao seu domicilio

G24.gal 22/06/2026 12:14

O home que fora detido o venres en relación con tres supostas agresións sexuais ocorridas no Milladoiro, en Ames, foi achado sen vida o sábado nunha estrada da localidade de Silleda. Fontes próximas apuntan a que non hai indicios da participación doutras persoas.

O home, de 45 anos e veciño da localidade pontevedresa de Silleda, foi detido pola Garda Civil o venres como presunto autor de tres delitos de agresión sexual realizados no mesmo día no núcleo urbano do Milladoiro.

Segundo informou o Instituto Armado, a investigación comezou en maio tras unha denuncia presentada por unha das vítimas, quen foi abordada de forma sorpresiva e intimidatoria no portal da súa vivenda co fin de índole sexual. A vítima conseguiu soltarse do agresor e fuxir do lugar para solicitar auxilio e poñerse a resgardo.

Os axentes, tras as primeiras indagacións e a descrición física achegada, determinaron que o agresor repetiu o mesmo patrón delituoso no municipio ese mesmo día en, polo menos, outras dúas ocasións máis. En todos os casos, o autor aproveitaba situacións de baixa visibilidade na vía pública e a total falta de vinculación previa coas mozas.

Os axentes pescudaron que o sospeitoso se desprazou expresamente desde outra provincia para cometer as agresións e, tras iso, regresaba ao seu domicilio. A operación, denominada Millastalker, finalizou coa localización e detención do implicado no concello de Silleda (Pontevedra), ao que lle imputaban tres delitos de agresión sexual.

A Garda Civil remitiu os datos e o modus operandi acreditados nesta actuación ao resto de Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, co obxectivo de cruzar información e colaborar de forma activa no esclarecemento doutros posibles feitos delituosos de idéntica natureza que puidesen quedar rexistrados no territorio nacional.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade