Publicador de contidos

Publicador de contidos

Aparece morta unha muller na súa casa en Palencia tras suicidarse a súa parella

Aparece morta unha muller na súa casa en Palencia tras suicidarse a súa parella

A policía atopou morta unha muller de 36 anos ao acudir ao domicilio que figuraba no DNI do home atropelado

Dous nenos, de sete e dous anos, foron os que abriron a porta do domicilio

O suposto autor do crime machista xa fora investigado en 2019 

G24.gal 26/09/2022 13:24 Última actualización 26/09/2022 15:31

A Policía Nacional investiga como violencia machista o asasinato dunha muller de 32 anos en Palencia por parte da súa parella, de 36, que posteriormente se suicidou tirándose á vía do tren. Este é o terceiro asasinato machista coñecido nas últimas 24 horas.

A muller foi atopada morta nunha vivenda situada na avenida dos Reis Católicos da capital palentina cando os axentes acudiron ao domicilio que figuraba no DNI do home atropelado polo tren para denunciar o falecemento.

Abriron a porta aos axentes da Policía dous nenos; unha nena de sete anos e un neno de dous. A nena é filla da muller e o neno fillo da parella.  Os menores xa están coa aboa materna.

A Policía atopou a muller morta na cama con marcas no pescozo, polo que se sospeita  que puido ser esnagada.

"Estamos a recoller datos sobre o asasinato dunha muller de 32 anos na provincia de Palencia por suposta violencia de xénero", escribiu en Twitter a Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero.

Se se confirma que se trata dun caso de violencia machista, sería o terceiro asasinato coñecido nas últimas 24 horas.

Os corpos foron trasladados ao Instituto de Medicina Legal para practicarlles as autopsias.

O suposto autor do crime machista xa fora investigado no 2019

O suposto autor do crime de Palencia, un home de 36 anos, xa fora investigado en 2019 por un posible caso de violencia machista cometido contra a muller de 32 anos que hoxe foi achada morta, pero daquela non denunciou os feitos e o caso foi sobresido.

Investigan a morte dunha muller en Benidorm tras denunciar o home que morrera nun accidente de tráfico 

A Policía Nacional investiga a morte dunha muller en Benidorm (Alacante), cuxo cadáver foi localizado polos axentes que acudiron á vivenda para denunciar a morte da súa parella, de 73 anos, nun accidente de tráfico.

Detido en Málaga un home tras atopar o cadáver da súa parella, que desaparecera en marzo

Un home de 40 anos detido pola Policía Nacional en Málaga tras o achado do cadáver dunha muller que desaparecera en marzo confesou que matou a súa parella e que a enterrou baixo formigón nunha nave industrial.

A Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero contabiliza ata o momento trinta asasinatos machistas este ano e mantén en investigación os tres últimos casos.

Con elas ascendería a 1.163 o número de mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas desde que se comezaron a contabilizar estas vítimas en 2003.

O 016 atende todas as vítimas de violencia machista as 24 horas do día e en 52 idiomas diferentes, así como o correo electrónico 016-online@igualdad.gob.es

Tamén se presta atención a través de WhatsApp a través do número 600000016, e os menores poden poñerse en contacto co teléfono da Fundación ANAR 900 20 20 10.

En caso de emerxencia pódese chamar ao 112 ou aos teléfonos da Policía Nacional (091) e da Garda Civil (062), e se non podes chamar podes utilizar a aplicación ALERTCOPS, desde a que se envía un sinal de alerta para a policía con xeolocalización.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade